14 de set. de 2007

Londres, 1925: Comezos

A Campaña de Londres, 1925 é a primeira actividade do Clube e comeza en Xaneiro do 2007 con Jan de Delft, Bishop, Tona e o Mosqueteiro como xogadores principais, Amra o León como secundario (debido ao horario laboral só podía asistir de cando en vez) e comigo como Gardián dos Arcanos (é dicir, Máster). Contabamos con outro xogador, pero acabou descolgado. Foi unha pena.
A acción está situada, obviamente, en Londres. A época de xogo é a de entreguerras, cun Londres bastante deprimido pola crise e tentando ergue-la cabeza de novo. O centro inicial é o Museo Británico e a maioría dos protagonistas teñen residencia pola zona.

Os personaxes xogadores principais (correspondentes, por orde, a Bishop, Tona, O Mosqueteiro, Jan e Amra) son os seguintes:

Frank Wilcox III (Londres, 1892), un anticuario propietario dunha tenda xusto diante do Museo Británico, na Museum Street. Wilcox é un buscavidas. O seu medio cotián de vida é mercar pezas de contrabando a traballadores do Museo e logo vendelas a alto prezo. Aínda así as cousas non lle van moi ben que digamos, e todo se lle pon costa abaixo cun principio de tise que fai que teña moi mala saúde. A tenda, que herdou hai pouco do seu desaparecido pai, é pequena, con pranta e un pequeno soto que fai de almacén.

Rose Agatha (Londres 1890), vidente afincada en Russell Square. Leva tempo gañando a vida con prediccións e con videncias, sobre todo para xente rica que quere probar sorte coa moda dos médiums e espiritistas, pero ela sempre o tomou dun xeito moi amateur. A súa pretensión era demostrar aos seus amigos ricos que hai algo alén do noso entendemento que, aínda que non se poida explicar, si se pode comprender.

George Mason (Londres, 1890), mentalista, ilusionista, mago e experto en fantasmagoría. De famila ben posicionada na sociedade londinense, sempre se negou a levar a vida que para el tiñan planificada. Viaxou por toda Europa e adquiríu certa sona como Mago. Agora, tras anos de estar fóra da casa, volve ao fogar... aínda que cecáis tan só sexa de paso.

Phoebe Miles (Nova Delhi, 1890) británica de orixe indio. Nacida na India de pai inglés e nai de Calcuta. Sendo moi nena o seu pai retornou a Inglaterra e trouxo a súa familia, dándolle a Phoebe unha dura e ríxida educación británica en colexios privados, que remataría nun doutoramento en Arte Romano. Actualmente tenta demostrar a súa valía como restauradora no Museo Británico, loitando contra dous handicaps: ser india e ser muller.

James Abberline (Dublín, 1885), antigo membro de Scotland Yard, agora reubicado nunha sociedade secreta chamada "O Clube de Té do Xoves Noite". Esta sociedade encárgase de loitar contra toda ameaza coa que o Imperio Británico se teña que ver as caras. Home maduro, policía experto, Abberline loita máis por si mesmo que por uns ideais máis altos.

Um comentário:

Anônimo disse...

Para cando unha nova aventura!? Estou como tola desexando perder cordura!!!!