29 de jun. de 2010

Viaxe accidentada

O ataque foi leve e coa axuda dun burócrata armado até os dentes, dun padawan e dun mercenario con problemas á hora de usar as granadas, durou pouco. O curioso era o incrible parecido entre todos os piratas asaltantes, coma se todos fosen irmáns xemelgos...

A mecánico foi de inestimable utilidade para reparar as pantallas da nave, así como para arranxar o hiperimpulsor, que resultou estar saboteado. Isto fixo a Juno, a mecánico, lembrar como foi que rematou nesta nave: un flashback de cando a súa familia foi traizoada por un empregado do seu taller. A piques de que o seu irmán pequeno gañara o campionato de vaíñas en Tatooine, Jabba considerou oportuno manipular os resultados para o seu beneficio... pero non contaba coa constancia dunha familia que loitaría até a fin. Despois de matar ao traidor e de descubrir que era un home dos Hutt, Juno foi perseguida pola "autoridade" policial, ocultándose tras identidades falsas e rematando como limpa-aceites nunha corveta coreliana da república en Coruscant.

De volta na nave, descubriron que a sabotaxe fora debida a un mecánico que non lembraba nada, pero que sabía no seu interior que algo tiña que ver... Pode ser que alguén familiarizado no uso da Forza ande detrás da sabotaxe? Pero na nave só están Shergath H'aoul e os seus dous padawan!

13 de jun. de 2010

Episodio I: A Ameaza Patente

Nun claro día en Coruscant unha corveta coreliana disponse a despegar.

Ordes chegadas dende o Senado indicaban que unha viaxe ao planeta Zeldaris (perto das rexións descoñecidas, alén do sector Farlax) era necesaria. Os separatistas tentaban desestabilizar todos os mundos da República. Só a inesperada aparición do exército Clon equilibrou de novo a loita. Zeldaris, un mundo neutral até agora, é outra peza máis do xogo que hai que poñer en movemento, xa para que se decida por un bando ou o outro.

Nesta nave poderemos atopar, entre outros moitos individuos, a unha mecánica, un burócrata e un "home para todo", cada un deles cun escuro pasado.
A mecánica, o burócrata e, abaixo,
un recén chegado "home para todo"... que obxectivos os unen?


Tamén suben tres jedi. Bueno, un jedi con dous padawan (un deles especialmente novo), cousa difícil de ver, pero nestes días de inestabilidade todo é posible.

Cada unhas destas persoaxes ten un obxectivo nesta viaxe, xa persoal, xa con respecto á República, xa baixo a dirección do Consello Jedi.

Pouco se sabe de Zeldaris, aparte de que é un planeta independente, que o seu goberno humano aínda non se posicionou na guerra e que pode ser un poderoso aliado. Pero tamén contan que un jedi hai tempo desaparecido acaba de deixarse ver por Zeldaris, que está construindo unha academia e que este mestre non distingue o Lado da Luz do Lado Escuro, transmitindo aos seus alumnos a doutrina Potentium...
É por isto que o mestre jedi Shergath H'aoul, na compaña do seu padawan Utter Rim e dun segundo padawan asignado polo Consello Jedi, debe ir e valorar a ameaza que pode supoñer Zeldaris.

Coma sempre, todo se complicou antes de tempo. Poucas horas despois da saída dende Coruscant, a nave perte potencia e sae do hiperespacio, sendo de súpeto atacada por... piratas!? Non é demasiada coincidencia?

11 de jun. de 2010

Star Wars



Por suposto, sistema d6 de West End Games. O clásico. Rexeita imitacións.
Inicio de Campaña durante a guerra entre a República Galáctica e a Confederación de Sistemas Independentes. E que a Forza estea con nós.