13/Abr/2009

Revisitando

Nos últimos tempos o clube de té estivo rematando campañas, probando xogos e comezando campañas novas. O típico vaia.

A campaña do Reino do Norte rematou ben, a campaña divertíu á xente e o sistema de The Riddle of Steel foi testeado con éxito. O xa falado: mellor para grupos pequenos.
Comezamos logo unha crónica de Vampiro: Edad Oscura.
A crónica enmárcase na Guerra dos Cen Anos, concretamente nos prolegómenos da Batalla de Azincourt. No reparto temos a un nobre menor en rango pero grande en honor e sona que segue a Henrique V na súa campaña de reconquista dos seus territorios franceses; unha monxa nova e innovadora experta en herbas e curandeira do pobo de Abbeville; unha espía inglesa en territorio francés que foi descuberta e fuxe para unirse ao coninxente de Henrique e a un feirante parisino que vende de todo e que coida de tres rapazas de vida "alegre".
Polo dagora levamos unhas 5 sesións que eu considero de preludio, xa que comezaron como humanos e acabaron sendo Abrazados durante a terceira ou cuarta sesión. Tentamos darlle un ambiente escuro e de incógnitas. Non saben nada do mundo vampírico e a época (1415) é moi convulsa para os cainitas. Lembremos que aínda non hai nin Camarilla nin Sabbat, e os Antigos aínda impoñen a súa Lei sen restriccións. Neste contexto é onde uns simples humanos foron Abrazados, capturados por xentes descoñecidas antes de que ninguén lles explicara nada da súa nova condición e agora tratados coma convidados de honra por un ser que se presenta coma vampiro nun castelo ao este de Amiens.
A crónica pretende avanzar no tempo e chegar aos nosos días, seguramente a base de saltos temporais a épocas que nos parezan atraíntes a todos.
Nesta crónica fáltanos o Mosqueteiro, a causa dos estudios. Agardemos que pronto se poida reincorporar ás sesións do Clube.

NOTA: O Clube fíxose cunha copia do xogo de taboleiro de Battlestar Galactica. O xogo ten unha mecánica moi sinxela: a Galactica e a Flota Colonial, comandadas polo Almirante e un Presidente deben chegar a Kóbol. Para iso debe ir superando diferentes Crises usando cartas de acción e habilidade. Cylons ocultos na Flota deben sabotear estes intentos. Cada crise que xorde ten unha dificultade; cada xogador debe, anonimamente, aportar puntos usando cartas especiais para acadar ou superar esa dificultade; ninguén sabe cantos puntos dan os outros xogadores e, aí, é onde entran os cylons, que poden aportar cartas que, en troques de sumar para acadar a dificultade, resten e fagan que a crise teña éxito e se perdan recursos como poboación, combustible ou moral. O problema é que ninguén sabe nunca quen deu cada carta e, de aí, a paranoia. Un pouco como xogar ao Asasino, pero máis completo.
Moi divertido e fiel co espírito da serie: o Clube recoméndao.

4/Jan/2009

Parabéns

Hoxe congratulámonos polo aniversario do Mosqueteiro. O vindeiro xoves haberá festa e partida.
Parabéns, compañeiro!

31/Dez/2008

Che e Pablo de volta de Barcelona

Para ledicia do Clube comentar neste derradeiro día do ano que a tropa de aslato enviada a Barcelona se fixo cunha primeira edición en castelán de Traveller na súa caixa orixinal, dados variados e as Pantallas en inglés de Battlestar Galactica.
Para Patrick comentar que tamén nos fixemos co número 7 de Los Muertos Vivientes.

Sen máis que contar, o Clube de Té expresa os seus mellores desexos para o 2009 a todos os seus membros e ás familias e amigos dos mesmos. Agardamos non decepcionalos nos vindeiros xoves do 2009.

Un afectuoso saúdo.

12/Dez/2008

De taboleiro tamén se vive

Onte o clube tivo varios contratempos: O Mosqueteiro non puido vir, Che estaba pachucha das costas e Tona acababa de chegar da Terra Media.
En troques de xogar estivemos un bo rato falando da súa viaxe a Nova Celandia (tróuxonos como presentes auga e unha pedriña do Anduin e herba de Edoras: impresionante!).

Logo, ao ver que faltaba xente para a partida, decidimos botar algo a taboleiro. Pensamos no Arkham Horror, que Tona e Javi aínda non probaran, pero Patrick fixo a petición do día, aceptada por todos: Heroquest.
Xogamos as dúas primeiras partidas que trae o manual básico: A Proba e O Rescate de Sir Ragnar, con Tona como Maga, Javi como Elfo e Patrick como Bárbaro. A verdade, foron unha risas.
A todos gustoulle o xogo, e non é para menos.

9/Dez/2008

O Reino do Norte (II)

Xa con varias sesións ás costas podo dicir que o sistema de TRoS é boísimo. Pero non para 5 xogadores a un tempo.
A campaña do Reino do Norte está sendo divertida por tempos, lenta por outros e, penso, ben estruturada.
Os protagonistas están buscando liberar ao pobo de Pazo de Rei do seu corrupto alcalde. Loitando contra o clan de asasinos e ladróns dos Arañas e seguindo o trazo do Martelazo de Thor (un meteorito caído perto das Montañas do Eixo, ao leste) acaban de liberar un campo de concentración onde os Arañas (e os Merino, familia que goberna Pazo de Rei) tiñan a prisioneiros políticos ou posibles sucesores do rei Elfdar. Nesta liberación quedou patente que o arco da dríada Tebe tivo moito que dicir. Cómpre sinalar que un arqueiro en TRoS é a cousa máis letal que hai: un lugar seguro dende onde disparar o arco e cinco ou seis frechas cravadas no chan ao alcance da man poden resultar máis mortíferos que unha hacha danesa.

A trama avanza e o sistema vai aguantado o tirón, pero queda patente que nun grupo máis reducido (partidas de dous ou mesmo un xogador) sería xenial. Xa vamos tendo soltura á hora de establecer gardas, manobras ofensivas e defensivas, fintas e demais, pero segue freando moito a acción do xogo. Claro está que é trepidante, neste xogo un golpe ou unha mala defensa poden supoñer a morte automática, como case descubre Tristán no ataque ao campo de concentración, ou Volstag en varias ocasións (claro que o anano inventou a manobra Volstag: atacar con todo e non reservar nada para a defensa... até agora síulle ben, pero xa se lle acabará a sorte). Claro está que en xogos nos que o teu personaxe non é un saco de puntos de vida, coma Runequest ou Rolemaster, tamén é así: podes morrer dun só golpe. Pero en TRoS penso que tes máis control do que fas, non todo se reduce a unha tirada de dados, xa que unha mala tirada cunha boa manobra pode salvar o día.
O xoves veremos como se resolve todo, se por fin conseguen derrocar ao alcalde Merino e dar aos habitantes de Pazo de Rei un sopro de esperanza.

11/Nov/2008

A Campaña do Reino do Norte

Xa levamos unhas 5 sesións de xogo a The Riddle of Steel e, a verdade, estou encantado. Pensei que sería máis difícil atraer de novo á Fantasía a certos membros do clube, pero ao final está a ser unha campaña máis ou menos do gusto de todos.
É o que chamariamos moi "low-fantasy", xa que non hai maxia propiamente dita nin armas máxicas como en outros xogos. Nese aspecto ten un ambiente un pouco Tolkieniano, xa que todo o referente á maia é sutil.
A Campaña céntrase nun reino caído chamado o Reino do Norte, que linda ao sur co reino de Citeria e ao este co reino de Ulteria, antes aliados agora con certas hostilidades. Tra-la caída do Imperio Trusio as antigas provincias tiveron que valerse por si mesmas. No Norte mandaban os xenerais e os gobernadores con man de ferro. O pobo sofría, pero tivo que agardar pola chegada dun príncipe do Extremo Norte, un elfo dun lonxano país chamado Elfheim. Cos seus vinte amigos logrou xuntar ao pobo e expulsar aos dictadores trusios. O seu reino foi bo e en paz. E moi longo (disque os elfos viven máis tempo).
Hoxe, vinte anos despois da morte de Elfdar, o Reino do Norte non é máis que un conxunto de cidades-estado (máis ben aldeas-estado). O rei morreu, supostamente, sen fillos. Pazo de Rei, a antiga capital, está gobernada por un burgomestre en apariencia corrupto. A xente vive sen esperanza.
Hai unha lenda que di que antes de morrer Elfdar profetizou que un novo rei viría, e que non sería elfo, senón humano. As estrelas indican que ese momento está perto.

O grupo de xogo, reunido na antiga capital do Reino do Norte, Pazo de Rei, é o seguinte:

Tebe (Che) unha moza letal co seu arco, que provén da fraga de Németon, perto de Pazo de Rei. Pasado misterioso para moza misteriosa. Disque pode ser unha desas dríadas que poboan esa fraga.
Volstag (Patrick), un "anano" que ven do norte, dun lugar chamado Norseland. Mide tan só 1,5m, pero é moi robusto e forte. É un grande ferreiro e busca forxar unha espada de lenda.
Tristán (Mosqueteiro), un espadachín criado por un meste marcial de ropeira que disque era elfo (de Elfheim) e que viñera con Elfdar. Os seus pais cedéronllo a este mestre cando só tiña 5 anos. Agora, morto o seu mestre, volve ao seu pobo natal xunto á súa familia.
Rolando (Javi), un raterillo de Pazo de Rei que se adica ao noble oficio dos mangaligoñas e carteiristas. Busca dominar a hampa local, pero ten máis vontade que posibilidades.
Lanvanius Nível (Tona), Señor das Terras de Nível, perto de Pazo de Rei. De raza élfica, él tamén chegou hai anos dende Elfheim. Antigo conselleiro do rei, agora anda na procura do Herdeiro de Elfdar.

1/Out/2008

Vacacións

Non se me queixen, señores e señoras membros do Clube! Xa viron os líos en que estivemos metidos e o pouco tempo que tivemos estes meses (pobre excusa).

En fin, que quedan alomenos 15 episodios de Battlestar Galaica por colgar no blogue e, polo medio, houbo moita tralla.

Dende unha partida homenaxe a Gary Gigax xogada por Bishop, Cheti e Tona (co sistema Ork! menudas risas...) até unha mini-campaña usando as reglas Interlock de Cyberpunk para unha aventura onde o Mosqueteiro era un axente da UAT de Los Angeles trasladado a Miami, Cheti era unha forense da policía de Miami e Bishop un axente da DEA infiltrado nun grupo estrano de traficantes de puros cubanos.
Nesta campaña de dous meses máis ou menos o que puido ser un ataque terrorista a grande escala transformouse nunha invasión alieníxena que resultou ser unha conspiración política do máis humana para transformar aos USA nunha dictadura. Moitos xiros de guión e moita acción (pero vendo que levar personaxes "científicos" pode ser un chisco aburrido).

Mentres remoloneo para colgar os episodios de Galaica que quedan e seguimos traballando nas Pantallas de As Crónicas de Gáidil (Abeiro do Contacontos? Solaina das Lendas?) comezaremos unha pequena campaña ao The Riddle of Steel, un xogo que mercara en Londres hay un par de anos e que estreara con Amra o León e con Eicyrist, pero que non tivera tempo de ver a longo prazo.
A campaña terá lugar nunha pseudo-Europa, con ideas roubadas de Warhammer Fantasía ou da Saga de Geralt de Rivia de Sapkowski. Xa contaremos.

Un saúdo.