1 de nov. de 2010

Lembranzas

Ki-Adi-Mundi deu orde ao padawan Thunderstuck de voltar ao Templo Jedi de Coruscant, xa que había novas que habería que compartir.

Lucas pedíu ao mestre Mundi se habería algunha maneira de formaliza-la situación dos seus amigos, sobre todo de juno (en busca e captura en territorio Hutt) e o mestre deu orde de cancelar calquer orde contra eles, en gratificación polo feito en Auriga e Zeldaris.

O camiño a Coruscant na Starbringer estivo cheo de inquedanza e silencios. Lucas estivo pendente do adestramento e do holocrón jedi de Dofuss... holocrón que o Consello Jedi non sabía que tiña (ou si?).

O holocrón de Kabir tampouco tiña desperdicio, pero habería que agardar a poder acceder a el: non tiñan a clave. Probaron varias (Reynolds, Dofuss, Organa) pero ao final a que o conseguíu abrir foi "Latro Riefen".

A información que contiña era bastante completa, e falaba dunha estación de investigación nun mundo chamado Merak, cousa que produxo certas lembranzas atávicas en Latro (si era que así se chamaba) e en Reynolds.

Unha vez en Coruscant, os nosos heroes foron aloxados no Templo Jedi, e Lucas foi inmediatamente chamado a capítulo. Perante grande parte do Consello Jedi tivo que informar de todo o ocorrido dende a súa partida até ese mesmo intre, con especial énfase nos desafortunados sucesos de Zeldaris e a traizón do mestre Shergath H'aoul e do seu padawan Otter Rim.


Lucas non puido ser máis sincero, e mesmo se aclarou todo sobor do Holocrón de Harlek Dofuss. O Consello tivo un pequeno debate sobor do que habería que facer co holocrón, e nunha decisión moi audaz, optaron por non adxudicar mestre ao padawn Thunderstruck, e permitíronlle seguir aprendendo do holocrón.

O resto do tempo en Coruscant estivo centrado na investigación, e mesmo houbo tempo para explorar novos camiños da forza.

Latro e Reynolds tiveron a posibilidade de coñecerse un pouco máis a si mesmos, xa que Lucas era posuidor dunha nova capacidade para ler pensamentos (que na viaxe de auriga a Coruscant xa probara con Juno como voluntaria). Como exercicio mentres se atopaba alí, Lucas leu as lembranzas dos dous, con inmenso éxito, po certo.

Latro fuxira da posibilidade de obter certa información oculta na súa mente por medio cirúrxicos e tecnolóxicos, e aínda que non lle parecía moito máis seguro todo isto da Forza, accedeu.

Lucas puido ver moitos deses recordos, nos que Latro tiña outro nome, e era un investigador nun planeta chamado Merak... Neses recordos puido ver aos mestres jedi Riefen e Syfo Dias con outros investigadores discutindo sobre a viabilidade do proxecto... Que proxecto? O da creación dun exército de soldados cibernéticos, metade humano e metade máquina, nunha simbiose total dende o momento da concepción.

Pero ao parecer só o mestre Riefen quería continuar co proxecto, e explicou a Latro que tiña plans de continuar na súa base secreta do planeta Kegan. Entón houbo unha enorme revolta, coma se os prototipos espertasen e tentaran fuxir, destruíndo todo ao seu paso. Latro (relamente Lars, polo nome que tiña na súa bata) perdeu a consciencia ao seren atacado por alguén igual a Reynolds.

O seguinte en ser explorado foi o propio Reynolds, e pouco máis en claro se sacou... adurmiñado nun tanque dunha substancia parecida a bacta, totalmente cableado e medrando sen parar, con xente observando dende o exterior (Latro entre eles). Un día o tanque rompeu e el atacou a todo aquel que se lle puxo por diante, e fuxíu con outros coma el, pero unha explosión cortou o recordo. O seguinte que Lucas puido sacar foi un home escuro que ordeaba a Reynolds subirse á nave que o levaría a Zeldaris...

9 de out. de 2010

Disparos na rocha

A estación estaba a ser atacada por tropas droide, diso non había dúbida.

Lucas, Latro e Juno tentaron chegar á nave, pero o espacioporto estaba totalmente ateigado de droide invasores. Reynolds conseguíu fuxir só de milagre e reuníuse (despois de coller as armas dos seus compañeiros e de deixar a unha togruta moi satisfeita a bordo da Starbringer) cos seus compañeiros. O plan estaba claro: no núcleo do asteroide había un sistema de búnkers onde protexerse, e había que chegar a el.
A súa primeira intentona non tivo éxito... despois de cruzar por túneles de servicio aos que chegaron dende o mercado, os gardas que custodiaban a porta dende o interior impedíronlle-lo paso. Puideron ter tanta sorte noutra porta de acceso á que chegaron, pero por fortuna Kabir Ridewa estaba do outro lado, e convenceu aos gardas de que lles permitiran a entrada. Unha vez alí viron que poucos "supervisores" quedaban, e axudaron a afianzar unha barricada para impedir o acceso. Contaban un bláster pesado de repetición apuntando á porta de acceso, e nel colocouse Reynolds. Latro e Juno usaron sacos de protección e Lucas achegóuse á porta para cortar o paso corpo a corpo a calquera que tentase entrar.
Alí conseguiron deter a unha escuadra de droides completa, pero a mala sorte fixo que dispararan posteriormente sobre un branco non identificado que resultou ser un supervisor de Auriga. Latro, nun acto soez e noxento, rexistrou o corpo do garda sen ter en conta o asasinato que acababa de cometer Reynolds.
Despois deste momento de acción perderon a Kabir de vista, e tentaron descubrir por onde fuxira... tiñan que atopalo: seguro que sabía máis do que dicía. Juno tentaría chegar á Starbringer, mentres Latro, Lucas e Reynolds foron tras de Kabir Ridewa . Na súa persecución acabaron chegando ás áreas residenciais, onde viron ao twilek tentando ocultarse dentro detrás dunha porta.


Antes depoder alcalzalo, un trío de droidekas que patrullaba a zona cortoulle-lo paso, e vendo que os seus escudos eran demasiado resistentes e que Lucas tan só podía reflecti-los seus ataques, optaron pola granada como mediadora: abriron un dos habitáculos residenciais para cubrirse e guindaron unha no medio dos droidekas, destruíndoos. Pero a mala sorte fixo que a onda expansiva tamén ferira a Kabir, deixándoo nun estado incapacitante que só lle daba para falar cousas sen senso algún. O lugar onde se tentaba agochar resultou ser un obrador onde parece que o científico pasaba os días... Mentres Reynolds o rexistraba, Latro e Lucas escoitaban que Kabir, no seu delirio, pedía que alonxaran a ese "ser" del, que era perigoso e había outros coma el, e rosmaba cousas sobre experimentos e mesmo parecía recoñecer o nome de Latro. Do pescozo do twilek penduraba un holocrón, onde de seguro habería moita información curiosa.
Lograron levalo até a retagarda, onde os soldados de Auriga mantiñan un hospital de campaña, e alí foron atendidos. Pero os droides aínda tiñan moito que dar, e lanzaron un tremendo ataque sobre esa posición. Inspirados pola bravura de Licas, que se lanzou ao ataque co seu sabre láser, e polo liderazgo de Reynolds e de Latro, os superviventes fixeron todo o posible.
Pero os nosos heroes derrubáronse cando viron entrar detrás dos droides, todo un exército de clones. "Todo está perdido", pensaron. Pero a súa sorpresa foi maiúscula cando eses clones comezaron a destruír aos droides, salvando a todos os superviventes de Auriga.



Os clones resultaron estar ás ordes do mestre jedi Ki-Adi-Mundi, que recibíu a chamada de axuda e acudíu tan pronto puido.


Case tirados no chan, con Kabir nun tanque de bacta e con Juno na Starbringer (ao parecer conseguira case ela sola retomar o porto, ao colarse na nave e comezar a destruir droides a base de láser e bláster), comezaron a atar cabos do que dixera o twilek... todo indicaba que Reynolds non era humano, e que posiblemente era un prototipo clon. "Pero iso é imposible", dixo Reynolds, "Eu son un humano, seino". Pero cando os seus amigos lle preguntaron se lembraba algo de antes de embarcar en Coruscant con eles, o pobre Reynolds non puido se non manter un aceno de abraio e incredulidade: na súa memoria non había nada antes de Coruscant, tantas semanas atrás.

24 de set. de 2010

Auriga

A estación Auriga era un lugar distinto... unha mestura de civilización e fronteira na que comerciantes, piratas, científicos, cónsules, cazarrecompensas e buscavidas compartían tempo, espacio e cartos.
A nave, cun código de identificación deseñado por Madre (362-440-83A), e un nome consensuado pola tripulación: Starbringer, aterrou nunha das pistas do amplo espacioporto da estación. Despois do pago de 100 créditos que aseguraban a nave e a recarga de enerxía, os nosos amigos partiron en dirección á zona de mercado coa intención de ve-lo ambiente. Reynolds mesmo sacou un holograma das pezas droide que obtivera en Hidenaar para ver se podía sacar algo con elas.

Pasaron pola aduana desarmados (a máquina non detectou a espada de luz de Lucas) e coas identidades falsas que Dorch lles conseguira en Zeldaris. O espacioporto comunicaba directamente por un longo corredor con cintas automáticas co grande mercado, unha estructura de celas ocotogonais. Cada unha desas celas tiña catro lados ocupados por tendas e outros catro dos que partían pasillos que cominucaban con outras celas, formando unha grande rede comercial. Alí curiosearon durante un par de horas, mesmo regatearon nun par de tendas para conseguir unha unidade R2 para axudar nas reparacións da nave, pero non tiñan cartos suficientes para mercar ningunha. Pero un comerciante recomendado por un dos gardas do mercado pagaría un bo prezo polas pezas droides de Reynolds.

Conseguiron contactar co amigo de Latro, o twilek chamado Dréidor Úrzuli. Xantaron con el nun restaurante do mercado, e desfrutaron do reencontro. Dréidor aloxounos na zona residencial da estación, e convidounos a unha festa privada no nivel A (a zona de administración e negocios, onde o luxo era patente).

Despois de descansar e falar un rato sobre os seus plans no aloxamento, o noso grupo vestíuse elegantemente e partíu ao sector A, onde as altas paredes de mármore, os chans pulidos e as columnas talladas os agardaban. Unhas cen persoas de múltiples razas falaban, escoitaban música e desfrutaban do ambiente. Alí atoparon de novo a Dréidor, esta vez na compaña doutro twilek. Era máis vello e algo máis gordo e non puido reprimir un respingo cando víu a Latro Riefen. Un individuo esquivo e desconfiado este tal Kabir Ridewa, que preferíu deixar coa palabra e coas dúbidas ao grupo. Reynolds estaba demasiado ocupado impresionando a unha togruta chamada Kohsoka, Latro e Juno continuaron a conversa con Dréidor, e só o curioso Lucas sigueu a Kabir para obter máis información. A conversa que tivo con el sobre clonación, droides e euxenésica foi moi interesante, e descubríu ao twilek coma un brillante científico e a Lucas coma un insistente e curioso conversador.

Avanzada a noite, Reynolds levara á togruta a ver a súa nave, mentres que Latro, Lucas e Juno voltaban aos seus aposentos. Foi nese intre cando comezaron a soar os primeiros impactos sobre a superficie do asteroide dentro do cal a Estación Auriga estaba.

9 de set. de 2010

Amencer

Había que trasvasar a memoria da computadora á nave antes do mencer. E primeiro houbo que convencela.

Tentaron toda clase de trucos, pero foi toda a información, datos e experiencias que gañaría nunha nave estelar o que realmente fixo picar a curiosidade da máquina. O malo foi que descubriron que tiñan menos de 36 horas antes do mencer: se o proceso levaba máis ca iso, quedarían pechados na base 318 días. Así que puxeron mans á obra.

Primeiramente tiñan que mirar como trasvasar a memoria. Era imposible descargala nun soporte portátil e levala á nave, así que o único xeito era tender cable dende a base ao cargueiro. Mentres construían o cable encheron as baterías da nave (cousa que non se pode facer sen computadora activa) e despois comezaron co copiado de discos da vella computadora da nave (para ter unha copia de seguridade, só por se era caso). Pasadas xa varias horas, o tempo apremiaba. Comezaron a descarga total, perdendo enerxía na base e na nave... só cabía agardar. O zabrak Maoul faloulles un chisco sobor do sistema solar no que estaban, chamado Hidenaar, sobor da computadora, aquel lugar e a tal "Alianza" que predixera a caída da República, pero non sacaron demasiado en limpo. Ademais, que era iso que había na mente de Latro? Fora realmente un jedi quen llo introduxera? E por que? O tempo deu para moito, xa que farían falla 18 horas para completa-la transferencia de memoria. Os problemas xurdiron cando se levaba un 50% da mesma: as autodefensas da base actuaron. Dous droides de combate armados con blásters e, abraiante, con sables láser, entraron de súpeto na sá de computación. Alí só estaban Maoul, Lucas e Reynolds. Este último estaba desarmado (lembremos que deixaran as súas armas na entrada), pero os jedis levaban as súas espadas, e defendéronse dos ataques dos droides. Reynolds buscou unha palanca para tentar forzar os receptáculos onde estaban as armas, pero non foi quen de abrilos. O combate foi rápido: Lucas destrozou o seu droide, e o zabrak tamén deu contado seu, pero foi gravemente ferido e estaba en shock. Latro acudeu ao momento cun botiquín, pero os seus limitados coñecementos de medicina de pouco serviron... precisaban dun médico ou dun tanque de bacta. Os droides xurdiran de sendas portas, e Lucas elixeu unha delas, pero estaba pechada. Usou o seu sable láser para abrila, e un longo pasillo apareceu diante del. Ao longo de dos dous lados do mesmo había non menos de oito droides de diferentes tipos, de pé, apoiados contra unha especie de cadaleitos ergonómicos que lles subministraban un mínimo non suficiente de enerxía. Ao fondo había outra porta, que se abreu a unha sá moi ampla onde había unha mesa de guerra con reproductores holográficos e varias camas, amais de dous tanques de bacta! Prepararon a Maoul, pero non foron quen de activar o tanque. Entre os droides do pasillo había dous médicos, pero non tiñan enerxía. Viron que ao mover a un droide a un lado (impedindo que recollera enerxía, os outros obtiñan máis potencia. Retiraron todos agás eses dous e agardaron un intre a que se accionaran, ordeándolles ao momento que curaran ao zabrak. Tal fixeron, pero a gravidade das lesións deparaban un tempo de curación de varias semanas. Unha vez completada a transferencia terían menos de 4 horas para saír pitando do planeta: a Maoul agardábanlle varios meses neste lugar. Lucas, con feras miradas ao seus compañeiros, colocou o sable láser de Door Maoul a carón do tanque de bacta cunha nota explicativa do ocorrido, e o compromiso de vir a buscalo ao anoitecer de Hidenaar.

Cando se completou o trasvase, a nave apagou tódolos sistemas... foi un momento tenso no cal ninguén sabía que ocorrería. Á fin a computadora se activou, e os sistemas funcionaban con corrección. A computadora ("MADRE" dende ese momento) devolveulles as armas e estableceu unha serie de rutinas e subrutinas nos ordenadores da base para que Maoul contase con tódalas comodidades ao espertar. Todo isto levou o seu tempo, e só lles quedaban dúas horas para liscar, cousa que fixeron. O despegue foi brusco, pero saíron da atmosfera radiante e irradiada e puxeron rumbo ao espacio profundo. Latro e Juno comprobaron tódolos sistemas da nave e viron que estaban estables, pero MADRE descubreu un excedente aproveitable de enerxía, que podería ser temporalmente transferible a lásers, escáners, escudos ou mesmo á potencia do motor... eran moi boas novas.

Pero agora habería que establecer un novo rumbo. Latro coñecía unha estación comercial que viaxaba lentamente entre sistemas. Era un lugar un tanto turbio, pero coma outro calquera para averiguar que estaba a acontecer en toda a galaxia. Ese lugar era a Estación Auriga.

1 de set. de 2010

Voces enlatadas

Tardaron perto de dous días en chegar a Alderaan, tempo que aproveitaron para apretar alguns fusos, arranxar unha das cápsulas de escape e comprobar todos os sistemas. Houbo unha pequena discusión sobre quen estaba ao mando, pero ao parecer Reynolds pedira ser "prime" tanto para o mando como para o camarote do capitán. O resto do grupo permiteullo, agardando a ver o seu nivel de dominio da situación.


Ao saír de hipervelocidade, a unha distancia prudencial de Alderaan, procederon a facer un escaneo xeral. Deste xeito viron que Alderaan estaba alí, asímesmo unha fragata aduaneira pertencente ao planeta. O capitán presentouse como un dos Organa, curmán de Bail Organa. Sen fiarse moito dunha nave sen rexistro que afirmaba ter sido atacada por piratas, o capitán Organa decideu escoltalos até o planeta.

Duranto o tránsito mantiveron contacto, e Organa preguntóulles se coñecían a certos individuos dunha lista que lles enviou (todos membros leiais do senado republicano ou recoñecidos jedis, incluído Lucas Thunderstruck). Precisaban atopar a esa xente, e mesmo daban recompensa por información da súa localización. A pregunta que se fixeron os nosos amigos era "por que?"... querían á xente desa lista viva, pero igualmente podía ser para torturala, interrogala e matala... de que lado estaba Alderaan?

De súpeto entrou un novo navío no sistema: un cruceiro de combate republicano que esixía a todas as naves do sistema para motores e baixar escudos. O capitán Organa, por comunicación segura, ordeou aos nosos amigos que fuxiran de inmediato, e lles enviou codificadamente unhas coordenadas de salto. Sen dubidalo un intre, alá foron.


Non sabían se as coordenadas estaban ben ou mal, pero saltaron a un sistema planetario baldío e perigoso: un sol vermello arrasaba varios planetas interiores con longas lapas, e só un planetas exterior parecía ter condicións para soportar vida. Era de tódolos xeitos, un planeta arrasado, cuxo día e ano coincidían, polo que unha das súas caras estaba ardendo a 200 graos mentres que na outra nevaba a -75. Era alí, perto do luscofusco, onde detectaron indicios de enerxía: aí abaixo había unha base-estación, sen rastros de vida pero con enerxía. Descenderon, e viron que había unha plataforma de aterraxe elevada, unida a un edificio cilíndrico que apuntaba ao ceo.

Na entrada, unha vez diante das portas deste estrano lugar, unha voz pedíulles un código de acceso. Case sen dubidar Lucas dixo "ORGANA". As portas abríronse e unha sá circular apareceu ante eles, cunha porta pequena ao fondo. Sen embargo, unha vez dentro todo se bloqueou, e a voz esixíu que depuseran as armas, xa que o código non era válido. Deixaron todo, agás Lucas que non dixo nada sobre o seu sable láser.

Unha vez cruzaron a segunda porta, a computadora fíxolles un escaneado completo, buscando os datos sobor deles, e identificando nun intre a Lucas e a Reynolds... non así a Latro: ao parecer esa identidade non era a súa. Latro recoñeceu que ese non era o seu nome, senon Ardeth Vei, que tivo que asumir a identidade doutro home para sobrevivir.

Tal descubrimento deixou aos seus compañeiros pampos, pero máis pampo quedou el cando, nun escaneado máis completo, a computadora lle comunicou que había datos inaccesibles instalados no seu cerebro. A máquina ofreceuse a abrir eses arquivos cunha "sinxela" operación neuronal. Tamén o tentaría Lucas usando a Forza, pero non dispuña de tales habilidades.

A discusión coa máquina, e as razón polas cales estaba nese lugar (segundo ela levaba moito tempo operativa, contruida baixo os auspicios dun grupo chamado a "Alianza", que previran a caída da República decenios atrás. Xusto no mellor da conversa detectaron a chegada dunha nave monoplaza. O seu piloto resultou ser un jedi zabrak que sabía máis do que contaba chamado Door Maoul, que formaba parte, polo visto, desa "Alianza", e viña con trazas de poñer a salvo á computadora da base. A pregunta era, con que fins?


Rescate en Zeldaris

Latro estaba deitado nun camastro nunha pequena habitación. Non parecía unha cela, pero aínda así neste intre o era. Sabía que fora detido e que mallaran nel un chisco, para logo subilo a un transporte de tropas clon e tiralo dentro desta cela. Ao parecer contaba con certa información de importancia para a República, representada por Shergath H'aoul.

En realidade, segundo averiguaron os seus amigos na entrada da cidade de Darinak, Latro e outros presos estaban nunha antiga fábrica de pezas metálicas que os clones e os seus mandos ocuparan como cuartel xeral. Este dobre edificio estaba fóra da cidade, pero o suficientemente perto como para impoñer o seu dominio. Aínda así, descubriron que no seu interior poucos clones había, xa que estaban dispersos tomando diferentes puntos de Darinak e mantendo en marcha o campo de tracción que impedía despegar a calquer nave do planeta.

Usando credenciales falsas e moito encanto, Juno, Reynolds e o padawan Lucas coláronse dentro da antiga factoría coma persoal de mantemento. Nese intre, Darth H'aoul interrogaba a Latro, sen éxito. Pero sen esforzarse demasiado... "xa teremos máis tempo, amigo Latro..." dicía.

O resto do grupo entrou na fábrica e explrou buscando saídas e posibles lugares onde facerse fortes, e pouco a pouco foron cautelosos cara onde estaban as residencias dos traballadores (celas unipersoais coma as dun mosteiro, para que non haxa distraccións). O problema foi atoparse cos guardias do edificio das celas: foron intransixentes e non lles permitiron pasar: foi entón cando os blásters falaron. Entrando pola forza montaron certo rebumbio, pero foron quen de chegar á cela de Latro. Noutra cela tan só atoparon o corpo dun piloto, pero que portaba en secreto información importante.


Conseguiron fuxir roubando un transporte de carga con repulsores, iso si, depois de bombardear media fábrica, clones e jedis escuros incluídos.

O único xeito de fuxir por completo era destruir os xeradores do campo de tracción que impedían despegar ás naves. Alomenos un. Puideron facer plans máis complexos, ou decidir deseñar un plan de demolición, ou o xeito de se colar nun dos xeradores. Pero non. Contaban un detonador termal e unha mala actitude: das mesturas saen cousas curiosas.

Enfilaron cara un dos repetidores de potencia que servían como xeradores, abriron fogo contra todo clon que asomou a cabeza, e Reynolds, unha vez perto, lanzou o detonador, provocando unha avaría que tardarían horas en arranxar. Puxeron rumbo cara o canón do deserto aproveitando a confusión e fuxiron do planeta na nave de Dofuss. Saír do sistema solar de Zeldaris foi algo máis complicado, xa que destructores da República entraban agora nel. Decidiron programar Alderaan na computadora de navegación e desexáronse sorte: íana precisar.


Portas pechadas

Ese tempo foi investido de diferentes xeitos, pero quizáis o que máis rendemento obtivo foi Lucas Thunderstruck. Digo isto porque a súa análise e estudo do sable láser de Dofuss tivo froitos moi relevantes: Dofuss gardaba un holocrón no interior do mango... un holocrón con todos os seus coñecementos, inquedanzas, pensamentos... o seu Poder.
Tentou obter acceso ás súas comunicacións, pero o seu coñecemento era moi limitado nese aspecto. Tería que seguir o método de ensaio-erro para sacar conclusións e acceder a tanta sabedoría.

Namentres, Latro e Reynolds quedaran citados con Dorch para conseguir disfraces e pases de acceso e identificación. Non foi de estranar que Reynolds voltara antes, pero cando Dorch e Latro levaban xa dúas horas de atraso o grupo temeu por eles. Ao caba apareceu o devaronian con malas novas: Latro Riefen fora detido polos clones e enviado a unha prisión perto de Darinak, a cidade onde aterraran había xa varios días nesta maldita pedra espacial. Que mala sorte.
Latro non podía agardar, así que se prepararon para partir no seu speeder... pero pasasndo antes pola cova dos canóns. As identificacións falsas foron de grande axuda para saír de Hardilak.
Unha vez na cova tentaron de novo atravesar-la porta de seguridade, sen éxito. É máis, os burdos intentos por abri-la porta desembocaron nunha resposta armada: a porta defendeuse cun bláster pesado. Pero o curiosos foi que un holograma do propio Dofuss advertía que só un jedi podería cruzar esa porta. Cando alguén se achegaba demasiado era atacado, pero non polo bláster pesado, senon por un lixeiro rifle bláster que pouco dano facía... non tiña nin pés nin cabeza. E iso foi o que tiveron que usar para reslver ese puzle: se Lucas era que de reflectir o raio e impactar no pulsador de apertura, a porta abriríase. Realmente outro que non fose un jedi cun sable láser o tería moi difícil.

Unha vez aberta a porta atoparon o incrible: a nave oculta de Harlek Dofuss. Tratábase dun cargueiro lixeiro en bo estado pola valoración preliminar de Juno. Dende a súa chegada Dofuss non fixera máis uso dela que coma lugar onde relaxarse e afastarse de todo. A nave tiña unha saída propia oculta nun lateral da parede do canón. Estaba perfectamente agochada.
A nave contaba con enerxía como para facer unha viaxe de volta aos mundos do núcleo. Coas identidades falsas coas que contaban deseñaron un plan de rescate para Latro.

Descubrimentos curiosos

Co speeder inutilizado non poderían ir moi lonxe, pero habería que tentalo. Tomaron canto puideron o maleteiro, pero non pasaba de chuvasqueiros e algo de provisións.

A ruta cara as granxas, a uns 8-10 clicks, tiña dous camiños: por un cruzaban unha zona ampla de canóns, mentres que a outra arredeaba eses canón pola dereita, duplicando ou se cadra triplicando o tempo de marcha. Era unha dúbida sinxela de resolver: os canóns parecían perigosos, pero máis perigosa era a choiva aceda que podería matalos en segundos. Forzaron a marcha en dirección aos canóns.

Tardaron un par de horas en chegar alí, e non detectaron sinais de que os seguiran, seguramente pola enorme tormenta de area que se achegaba cara eles. Viña directamente dende a zona do Templo de Dofus, así que H'aoul e as súas tropas (e quen sabe se os soldados zeldaritas) estarían aló atrapados.

Pero a tormenta achegábase con forza, así que decidiron atopar acubillo nos canóns. A fortuna brindoulles desta volta unha saída, e atoparon unha cova profunda ao abeiro de varias paredes altas, perfecta como refuxio temporal.

Pero a cova resultou ser máis do agardado. Os 10 metros de túnel dende a entrada daban a unha sá con "columnas" e dúas saídas máis. A primeira que exploraron avanzaba durante varios centos de metros en continuo ascenso, até chegar ao cumio do canón. O outro descendía un curto treito até un pasillo liso que daba a unha porta de seguridade. Só un detector táctil do tamaño dunha man acompañaba a tan incrible encontro. Non conseguiron abrila, nin forzando nin disparando contra ela. Esta última reacción fixo que se activase un canón bláster que asomou dunha trampiña. Unha voz ameazante aconsellaba non probar tal táctica de novo.

O grupo decidíu descansar unhas horas na cova, e logo de comprobar que a tormenta amainaba partiron en dirección ás granxas.

Despois dun paseo dun par de horas onde o clima foi benigno chegaron a unha granxa que parecía deshabitada. Despois dunha cautelosa inspección comprobaron que os propietarios estaban mortos (rifles bláster, deduciron os expertos). Talvez morreran sen motivo, pois estaba claro que a quen buscaban era ao noso grupo. Na granxa non había nada de valor, agás un speeder que parecía en bo estado. Pero non se fiaron: Juno procedeu a unha inspección a fondo. Foi daquela cando detectou unha granada termal instalada no arranque do vehículo. Non sen dificultade, e botándose unha man, Juno e Reynolds conseguiron desactiva-lo dispositivo e poñer en marcha o speeder, poñendo rumbo á cidade de Hardilak, un lugar perigoso e escuro.

Sabían que Hardilak era un pequeno espacio-porto adicado principalmente ao estraperlo e que moitos alieníxenas residían alí, sobre todo porque os zeldaritas eran certamente xenófobos, e Hardilak non era un lugar frecuentado polas autoridades de Zeldaris: un sitio perfecto para Juno, Latro, Lucas e Reynolds, ao que chegaron rapidamente subidos no speeder que tomaron prestado da granxa.

Unha vez neste lugar, víronse obrigados a ocultarse da vista: Hardilak estaba tomado por clones, e Darth H'aoul don andaría lonxe. O porto estaba vixiado, así que buscaron axuda na vila. Unha cantina, como non, foi o sitio onde buscaron respostas e solucións.

A cantina pertencía a unha explosiva twi'lek chamada Darsla,que non tiña tempo para críos, como fixo notar a Reynolds. Alí coñeceron a Dorch, un devaronian experto no xogo de cartas pazaak.

Polo visto Dorch tiña varias naves ao seu dispor, e podería vender algunha ao grupo. Obviamente isto era imposible, xa que non tiñan cartos nin acceso ás súas contas correntes da República (Zeldaris estaba demasiado afastado para que tiveran valor algún). Pero así que falaron máis en profundidade Dorch víu que o grupo coñecía ao mestre Harlek Dofuss. As novas que traían sobre a morte de Dofuss e a destrucción do Templo eran terribles, e Dorch valorou a súa sinceridade ocultándoos nun cargueiro nas aforas de Hardilak. Este cargueiro tiña enerxía pero carecía de motores nin de armas: era só un escondrixo.

E tiveron que estar alí agochados durante varios días.

Ao encontro do Jedi


A chegada ao planeta foi peor do agardado: unha batería iónica desarmou as pantallas da nave na que os nosos heroes viaxaban. Rapidamente, Juno correu a axudar na ponte de mando, mentres que o resto dos protagonistas se agarraban onde podían. Non tardou en chegar Latro, o burócrata, e ao ver ao desesperado capitán non puido por menos preguntar polo ocorrido: pantallas deflectoras voladas e os sensores detectaban dúas baterías lásers nalgures no chan cargándose e apuntando cara eles. Baixo a súa responsabilidade, Latro ordeou a destrución desas baterías.

Libres de perigo, a corveta aterrou en Darinak, o espacioporto principal de Zeldaris. Cando pediron explicacións sobre o ocorrido foron indormados de que dende Darinak non se producira ningún ataque e que, polo dagora, a nave quedaría bloqueada. Só catro tripulantes baixarían e respostarían ás acusacións de ataque sen provocación.

Latro, o burócrata de maior rango elixeu a Reynolds como gardaespaldas, a Juno para valorar calquer posible sabotaxe sobre mecánica e tecnoloxía e a Shergath H'aoul o mestre jedi para mediar. Shergath non víu a utilidade do asunto, e prefireu que fose o seu novo padawan, Lucas, quen fose a mediar ("tómao coma un exercicio de adestramento, xoven aprendiz").

Foron conducidos polos zeldaritas (unha raza de aspecto humano, só que moi delgados), por uns túneles transparente cara unha edificación cupulada (como case todas as de Zeldaris). O ceo que se vislumbraba estaba totalmente cuberto de nubes amarelas, e todo arredor da grande cidade era deserto de pedra.

Foron informados por un capitán do exército de que eran sospeitosos do ataque, e que deseguido se formaría unha investigación. Os nosos heroes pediron poder formar parte desa investigación para poder demostrar a súa inocencia, e os zeldaritas o viron xusto. Despois de xantar, saíron cun destacamento de soldados de Zeldaris nun speeder acorazado en dirección ao lugar do ataque: unhas baterías láser a uns kilómetros de Darinak. O capitán informóunos de que era imposible acusar aos zeldaritas: nesa zona nunca houbera canóns de ións, e as baterías láser levaban anos inutilizadas. Unha vez alí atoparon probas esclarecedoras que mesmo o capitán zeldarita non puido ignorar: pegadas de botas perto dos restos das baterías que amosaban que alí, había moi pouco, se instalara un canón de ións portatil. Tamén atoparon entre os cascallos dos láser unhas baterías de potencia, que ben podían entenderse nos sensores coma que se lle estaba dando enerxía aos canóns. Con estas probas, comezaron a seguir as pegadas de botas co speeder, pero foron subitamente atacados e o speeder quedou feito anacos. O golpe do impacto foi temendo, e só Reynolds quedou enteiro como para desenganchar dos cintos de seguridade a tódolos seus compañeiros. Os zeldaritas estaban mortos, debido sen dúbida á súa constitución inferior. A radio non funcionaba, pero entre o ruído que se escoitaba despois de informar á base de Darinak do ataque só puideron entender "Coi.. a..do...to..e..ta"... Sería "Coidado, tormenta"? Unha das terribles tormentas de ácido de Zeldaris? Habería que moverse con xeito. Recolleron as armas que puideron e viron ao lonxe unha serie de pequenas construcións cupuladas, algo parecido a unha granxa. A todo correr avanzaron cara alí. De camiño foron sorprendidos polo trebón ácido, e case sucumben ao cansazo e ás queimaduras, pero por sorte chegaron a tempo ao adro do que parecía, agora de cerca, un templo con choupanas cupuladas darredor. A choiva non era quen de caer onde eles estaban, xa que ese "templo" xeraba un campo de forza deflector. Alí deulles a benvida un mozo que dixo que ía chamar ao mestre. De alí a pouco apareceu Harlek Dofus, o mestre jedi de Potentium que Lucas e o seu propio mestre viñan a buscar.

Dofus mostrouse amable e comprensivo. Curounos a todos e alimentounos e conversou con eles animadamente,e con Lucas mesmo comentou os aspectos da Forza que el entendía coma importantes. Antes fora un jedi en Coruscant. Non parecía o perigoso herexe que o Consello Jedi pensaba. Lucas faloulle de que era padawan de Shergath H'aoul, e Dofus deu mostras que que o coñecía, pero que non gardaba bo recordo del.

Namentres pensaban un plan para voltar a Darinak, o templo foi atacado por soldados. Eran soldados estranos, non zeldaritas. Estes eran fortes e grandes, e estaban moi ben adestrados. Xunto con eles viñan Shergath H'aoul e Otter Rim. Atacando de xeito brutal, moitos dos alumnos de Dofus caeron loitando, mentres Latro, Reynolds e Juno se cubrían e devolvían o fogo dende unha das pequenas choupanas. Shergath e Rim foron directos ao Templo, e Lucas, oculto, entrou detrás deles. Lucas veu o que sería o derradeiro encontro entre Harlek Dofus e Shergath H'aoul. Despois de intercambiar unhas palabras que Lucas non chegou a entender de todo, comezaron a falar os sabres láser: o do mestre H'aoul era agora vermello. De detrás dunha columna, Otter Rim, tamén cun sabre láser vermello, aparecéuselle a Lucas... "Ola, compañeiro... ti e-la proba final para a miña traslación completa: prepárate a morrer". Lucas, co seu sabre azul, defendeuse coma puido dos ataques de Rim, máis experiementado, pero máis feble na Forza pola súa codicia e envexa: Lucas, sacando enerxías do seu interior, conseguíu desarmalo e matalo cun hábil movemento. Xusto nese intre, unha granada rebotada dende o exterior derrubaba parte do templo sobre H'aoul e Dofus. Namentres o primeiro quedaba sepultado entre os cascallos, Dofus, moribundo, chamaba a Lucas. Estaba aplastado de cintura para abaixo, e a piques de morrer... "Colle a miña espada, que nunca a teña H'aoul. E agora mátame". Lucas discutíu e tentou convencelo, pero os cascallos baixo os cales estaba o seu antigo mestre comezaron a moverse, e nun rápido e misericordioso movemento, matou a Dofus e colleu o seu sabre.

Namentres, fóra, Juno e Latro disparaban sen parar sobre os soldados, e Reynolds conseguía poñer en funcionamento un speeder. Montado nel tentou atropelar aos inimigos mentres disparaba sobre eles o seu bláster. Lucas conseguíu fuxir do edificio derruído e Reynolds xuntou ao grupo e fuxíu soportando os disparos dos "clones". Xusto cando fuxían, novas tropas (zeldaritas polo seu aspecto) entraban en escena.


O grupo, co seu speeder moi danado, víuse obrigado a deterse varios quilómetros dentro do deserto, á mercede do sempre letal clima de zeldaris.

29 de jun. de 2010

Viaxe accidentada

O ataque foi leve e coa axuda dun burócrata armado até os dentes, dun padawan e dun mercenario con problemas á hora de usar as granadas, durou pouco. O curioso era o incrible parecido entre todos os piratas asaltantes, coma se todos fosen irmáns xemelgos...

A mecánico foi de inestimable utilidade para reparar as pantallas da nave, así como para arranxar o hiperimpulsor, que resultou estar saboteado. Isto fixo a Juno, a mecánico, lembrar como foi que rematou nesta nave: un flashback de cando a súa familia foi traizoada por un empregado do seu taller. A piques de que o seu irmán pequeno gañara o campionato de vaíñas en Tatooine, Jabba considerou oportuno manipular os resultados para o seu beneficio... pero non contaba coa constancia dunha familia que loitaría até a fin. Despois de matar ao traidor e de descubrir que era un home dos Hutt, Juno foi perseguida pola "autoridade" policial, ocultándose tras identidades falsas e rematando como limpa-aceites nunha corveta coreliana da república en Coruscant.

De volta na nave, descubriron que a sabotaxe fora debida a un mecánico que non lembraba nada, pero que sabía no seu interior que algo tiña que ver... Pode ser que alguén familiarizado no uso da Forza ande detrás da sabotaxe? Pero na nave só están Shergath H'aoul e os seus dous padawan!

13 de jun. de 2010

Episodio I: A Ameaza Patente

Nun claro día en Coruscant unha corveta coreliana disponse a despegar.

Ordes chegadas dende o Senado indicaban que unha viaxe ao planeta Zeldaris (perto das rexións descoñecidas, alén do sector Farlax) era necesaria. Os separatistas tentaban desestabilizar todos os mundos da República. Só a inesperada aparición do exército Clon equilibrou de novo a loita. Zeldaris, un mundo neutral até agora, é outra peza máis do xogo que hai que poñer en movemento, xa para que se decida por un bando ou o outro.

Nesta nave poderemos atopar, entre outros moitos individuos, a unha mecánica, un burócrata e un "home para todo", cada un deles cun escuro pasado.
A mecánica, o burócrata e, abaixo,
un recén chegado "home para todo"... que obxectivos os unen?


Tamén suben tres jedi. Bueno, un jedi con dous padawan (un deles especialmente novo), cousa difícil de ver, pero nestes días de inestabilidade todo é posible.

Cada unhas destas persoaxes ten un obxectivo nesta viaxe, xa persoal, xa con respecto á República, xa baixo a dirección do Consello Jedi.

Pouco se sabe de Zeldaris, aparte de que é un planeta independente, que o seu goberno humano aínda non se posicionou na guerra e que pode ser un poderoso aliado. Pero tamén contan que un jedi hai tempo desaparecido acaba de deixarse ver por Zeldaris, que está construindo unha academia e que este mestre non distingue o Lado da Luz do Lado Escuro, transmitindo aos seus alumnos a doutrina Potentium...
É por isto que o mestre jedi Shergath H'aoul, na compaña do seu padawan Utter Rim e dun segundo padawan asignado polo Consello Jedi, debe ir e valorar a ameaza que pode supoñer Zeldaris.

Coma sempre, todo se complicou antes de tempo. Poucas horas despois da saída dende Coruscant, a nave perte potencia e sae do hiperespacio, sendo de súpeto atacada por... piratas!? Non é demasiada coincidencia?

11 de jun. de 2010

Star Wars



Por suposto, sistema d6 de West End Games. O clásico. Rexeita imitacións.
Inicio de Campaña durante a guerra entre a República Galáctica e a Confederación de Sistemas Independentes. E que a Forza estea con nós.

7 de mai. de 2010

Midnight: Fin de Campaña

Ben, xa rematou.

Cun final de festa epiquísimo, onde o máster saltou porriba da ambientación todo o que quixo e máis, os nosos heroes foron quen de dar senso aos posibles usos da Máscara de Indra-Har e atoparon ao nexo humano que era Kayla Norfall. Gracias a diversas aventuras, conseguiron chegar no momento en que o último continxente da frota Norfall, dos Derradeiro Rei Dornita e dos elfos se dispuñan a atacar Chandering.
A Máscara, colocada á forza na cabeza do nexo vivinte Kayla, conseguíu abrir un portal cara o Ceo, de onde descenderon varios deuses, que se encarnaron (que se saiba) en John Tamburlein, Lander, Rowan e Alucard. A loita con Zardryx e Jahzir foi tremenda, e o avatar Kayla-Indra tentou manter os portais abertos, pero só o conseguiu en parte. Chandering se tornou unha burbuxa estanca chea de inimigos onde os protagonistas estaban pechados. Só unha pequena rotura creada por Kayla permitía fuxir. Foi entón cando todos obrigaron a Rowan, o bardo, a saír liscando, porque só a súa voz sería quen de relatar tales fazañas. O resto (Alucard, Lander e John) cubriron a súa saída e reteron aos malvados dentro da esfera de poder. Dende fóra, Rowan recolleu a burbuxa onde case todo o Mal estaba pechado e xurou liberar aos seus amigos.

6 de abr. de 2010

Midnight e lembranzas do 2009

Despois dunha longa serie de partidas onde as personaxes xa son case de nivel 7, a campaña de Midnight está chegando a un dos seus posibles "fins de tempada".
O xogo destaca por dúas cousas: conseguir que (máis ou menos) me guste o D20 e transformar en verdadeiros heroes a personaxes de nivel baixo. O Clube en xeral supoño que pensa un pouco o mesmo do sistema.

A campaña enmarcábase no momento do rexurdimento de Izrador, e foi ao longo da guerra contra el onde os Pjs se estiveron movendo. Partindo de personaxes sinxelos (agás o náufrago, que xa recuperou grande parte da memoria) chegamos a heroes feitos e dereitos que se enfrontan a grandes inimigos e son quen de saír victoriosos. Pero hai un inimigo ao cal todos odian: Gregor Chander. Serán quen de rematar con el?

Xa informaremos de como foi pormenorizadamente a campaña e de como remata.

Por outra banda, non se reseñou dende eiquí a mini-campaña de Esoterroristas que levamos a cabo Tona, Javi, Patrick e Cheti ao longo do primeiro trimestre do 2009.

Esoterroristas é un xogo moi sinxelo baseado no sistema GUMSHOE de Robin D. Laws. No mundo de Esoterroristas (que é basicamente o noso) hai unha facción (que non organización) que se adica a espalla-la crenza no mundo oculto, invocando seres monstruosos ca fin de fende-lo veo de descreimento que arrodea á vida moderna: os Esoterroristas. Para protexernos de tan viles individuos está a Ordo Veritatis, axencia que investiga tales fenómenos e loita para impedir que esa barreira decaia e nos vexamos invadidos pola Escuridade. Os protagonistas son membros da Ordo.
A campaña estivo moi ben, cun trasfondo en Londres onde diversos crimes no metro da cidade fan buscar polos escuros túneis a unha criatura capaz de conceder calquer desexo: un Ovvashi. Despois de intensas sesións de búsqueda deductiva, rompe-los miolos e xuntar pezas de puzles, o Ovvashi foi descuberto e eliminado xunto co seu culto.
O xogo céntrase principalmente na investigación, na acumulación de probas que, ben interpretadas, guiarán na dirección axeitada. O sistema de xogo merece un 10.

Outro día, máis.