31 de dez. de 2008

Che e Pablo de volta de Barcelona

Para ledicia do Clube comentar neste derradeiro día do ano que a tropa de aslato enviada a Barcelona se fixo cunha primeira edición en castelán de Traveller na súa caixa orixinal, dados variados e as Pantallas en inglés de Battlestar Galactica.
Para Patrick comentar que tamén nos fixemos co número 7 de Los Muertos Vivientes.

Sen máis que contar, o Clube de Té expresa os seus mellores desexos para o 2009 a todos os seus membros e ás familias e amigos dos mesmos. Agardamos non decepcionalos nos vindeiros xoves do 2009.

Un afectuoso saúdo.

12 de dez. de 2008

De taboleiro tamén se vive

Onte o clube tivo varios contratempos: O Mosqueteiro non puido vir, Che estaba pachucha das costas e Tona acababa de chegar da Terra Media.
En troques de xogar estivemos un bo rato falando da súa viaxe a Nova Celandia (tróuxonos como presentes auga e unha pedriña do Anduin e herba de Edoras: impresionante!).

Logo, ao ver que faltaba xente para a partida, decidimos botar algo a taboleiro. Pensamos no Arkham Horror, que Tona e Javi aínda non probaran, pero Patrick fixo a petición do día, aceptada por todos: Heroquest.
Xogamos as dúas primeiras partidas que trae o manual básico: A Proba e O Rescate de Sir Ragnar, con Tona como Maga, Javi como Elfo e Patrick como Bárbaro. A verdade, foron unha risas.
A todos gustoulle o xogo, e non é para menos.

9 de dez. de 2008

O Reino do Norte (II)

Xa con varias sesións ás costas podo dicir que o sistema de TRoS é boísimo. Pero non para 5 xogadores a un tempo.
A campaña do Reino do Norte está sendo divertida por tempos, lenta por outros e, penso, ben estruturada.
Os protagonistas están buscando liberar ao pobo de Pazo de Rei do seu corrupto alcalde. Loitando contra o clan de asasinos e ladróns dos Arañas e seguindo o trazo do Martelazo de Thor (un meteorito caído perto das Montañas do Eixo, ao leste) acaban de liberar un campo de concentración onde os Arañas (e os Merino, familia que goberna Pazo de Rei) tiñan a prisioneiros políticos ou posibles sucesores do rei Elfdar. Nesta liberación quedou patente que o arco da dríada Tebe tivo moito que dicir. Cómpre sinalar que un arqueiro en TRoS é a cousa máis letal que hai: un lugar seguro dende onde disparar o arco e cinco ou seis frechas cravadas no chan ao alcance da man poden resultar máis mortíferos que unha hacha danesa.

A trama avanza e o sistema vai aguantado o tirón, pero queda patente que nun grupo máis reducido (partidas de dous ou mesmo un xogador) sería xenial. Xa vamos tendo soltura á hora de establecer gardas, manobras ofensivas e defensivas, fintas e demais, pero segue freando moito a acción do xogo. Claro está que é trepidante, neste xogo un golpe ou unha mala defensa poden supoñer a morte automática, como case descubre Tristán no ataque ao campo de concentración, ou Volstag en varias ocasións (claro que o anano inventou a manobra Volstag: atacar con todo e non reservar nada para a defensa... até agora síulle ben, pero xa se lle acabará a sorte). Claro está que en xogos nos que o teu personaxe non é un saco de puntos de vida, coma Runequest ou Rolemaster, tamén é así: podes morrer dun só golpe. Pero en TRoS penso que tes máis control do que fas, non todo se reduce a unha tirada de dados, xa que unha mala tirada cunha boa manobra pode salvar o día.
O xoves veremos como se resolve todo, se por fin conseguen derrocar ao alcalde Merino e dar aos habitantes de Pazo de Rei un sopro de esperanza.