15 de set. de 2007

BSG75 GALAICA: Orixe e Protagonistas

Hai varios meses Bishop, Jan máis eu conseguimos que o Mosqueteiro vira as tres estupendas tempadas da, na miña opinión, mellor serie de Ciencia-Ficción do momento: Battlestar Galáctica (a nova versión).
Tivemos unha tempada longa que tamén andabamos moi pendentes de facer unha pequena campaña do xogo da serie Firefly: Serenity. Conseguimos o xogo e botamos unha pequena partida, pero a verdade o sistema de xogo nos defraudou un chisco, e a falta de tempo e de iniciativa fixo que quedara de lado.
Logo veu a febre de Galáctica, e o Mosqueteiro e Bishop convencéronme aló por Marzo de montar unha campaña con esta ambientación. Sabedor de que o xogo oficial de Galáctica tería o mesmo sistema que o de Serenity decidín buscar alternativas. Ao primeiro pensei usar as reglas Interlock do xogo Cyberpunk, e incluso fixemos fichas e todo; pero logo penseino mellor e me botei a usar as reglas Gauss do xogo español sLAng. Reglas sinxelas para unha ambientación na que quería primar o diálogo e a acción rápida.

Agora, mentres agardamos a que Tona se una a nós de novo para seguir a crónica de Compostela Oculta, Jan, Mosqueteiro e Bishop son membros da tripulación da Patrolstar Galaica nunha mini-campaña que comezamos hai un par de semanas.

Esta campaña está centrada na época en que os Cylon voltan e conseguen derrotar ás 12 Colonias. Nun lugar distante, preto da liña vermella de tregua entre o espacio Colonial e o Cylon hai unha base de investigación chamada Antares. Esta base está desenvolvendo diferentes tipos de novos combustibles alén do tilium. A nave Patrolstar Galaica (as naves clase Patrolstar veñen sendo dun tamaño menor que a metade dunha Estrela de Combate clase Galáctica, cunha dotación menor tamén, deseñadas para rastrexo, patrulla e como punta de lanza... digamos que unha nave Patrolstar é a unha Battlestar o que un Raptor a un Víper) é unha nave antiga, con máis de 20 anos de servizo. Nos seus hangares tan só se ven Víper Mk. II antigos e outro material en desuso. A razón é ben sinxela: toda a merda vai a caer na Galaica.

Soldados indisciplinados, mandos incompetentes ou criminais que preferiron unha segunda oportunidade no exército antes que cumprir condena están nesta nave onde cada home e muller é un polvorín en potencia.
Nestes intres a Galaica vai camiño da base de investigación Antares para reabastecela con diverso material, por orde do alto mando da flota en Picon.
Nesta nave hai tres individuos singulares:

Tenente Sutton "Dice" Hoo, procedente de Picon. Tenente dura e excelente piloto de víper. Os seus problemas co xogo a meteron en líos e acabou na Galaica. Chegou hai pouco, e aínda se está a afacer. Tan só a visión dun víper fai que poida deixar as cartas durante un rato.

Tenente Samuel "Iceman" Kilmer, de Leonis. Ríxido e inflexible piloto, esixe sempre a observancia das leis militares e sempre está preparado para o combate. Os demais se preguntan qué pinta un tipo así na Galaica. Algo oculta.

Sarxento de Marines David Webb, de Caprica. Home rudo e sen miramentos, cun pasado que nada ten que ver co seu presente. Dise del que foi pirata en Sagittaron, ou que matou a un alto mando da flota Colonial... pero poucos saben da súa historia real, e de cómo afrontará o seu futuro.

Levan os tres pouco na nave, non saben ben en quen confiar e non se coñecen entre eles. Non saben case nada dos Cylon, e moito menos que poden ter aspecto humano, ou mesmo que que un Cylon de aspecto humano pode non saber que é un Cylon.

Nenhum comentário: