1 de set. de 2010

Ao encontro do Jedi


A chegada ao planeta foi peor do agardado: unha batería iónica desarmou as pantallas da nave na que os nosos heroes viaxaban. Rapidamente, Juno correu a axudar na ponte de mando, mentres que o resto dos protagonistas se agarraban onde podían. Non tardou en chegar Latro, o burócrata, e ao ver ao desesperado capitán non puido por menos preguntar polo ocorrido: pantallas deflectoras voladas e os sensores detectaban dúas baterías lásers nalgures no chan cargándose e apuntando cara eles. Baixo a súa responsabilidade, Latro ordeou a destrución desas baterías.

Libres de perigo, a corveta aterrou en Darinak, o espacioporto principal de Zeldaris. Cando pediron explicacións sobre o ocorrido foron indormados de que dende Darinak non se producira ningún ataque e que, polo dagora, a nave quedaría bloqueada. Só catro tripulantes baixarían e respostarían ás acusacións de ataque sen provocación.

Latro, o burócrata de maior rango elixeu a Reynolds como gardaespaldas, a Juno para valorar calquer posible sabotaxe sobre mecánica e tecnoloxía e a Shergath H'aoul o mestre jedi para mediar. Shergath non víu a utilidade do asunto, e prefireu que fose o seu novo padawan, Lucas, quen fose a mediar ("tómao coma un exercicio de adestramento, xoven aprendiz").

Foron conducidos polos zeldaritas (unha raza de aspecto humano, só que moi delgados), por uns túneles transparente cara unha edificación cupulada (como case todas as de Zeldaris). O ceo que se vislumbraba estaba totalmente cuberto de nubes amarelas, e todo arredor da grande cidade era deserto de pedra.

Foron informados por un capitán do exército de que eran sospeitosos do ataque, e que deseguido se formaría unha investigación. Os nosos heroes pediron poder formar parte desa investigación para poder demostrar a súa inocencia, e os zeldaritas o viron xusto. Despois de xantar, saíron cun destacamento de soldados de Zeldaris nun speeder acorazado en dirección ao lugar do ataque: unhas baterías láser a uns kilómetros de Darinak. O capitán informóunos de que era imposible acusar aos zeldaritas: nesa zona nunca houbera canóns de ións, e as baterías láser levaban anos inutilizadas. Unha vez alí atoparon probas esclarecedoras que mesmo o capitán zeldarita non puido ignorar: pegadas de botas perto dos restos das baterías que amosaban que alí, había moi pouco, se instalara un canón de ións portatil. Tamén atoparon entre os cascallos dos láser unhas baterías de potencia, que ben podían entenderse nos sensores coma que se lle estaba dando enerxía aos canóns. Con estas probas, comezaron a seguir as pegadas de botas co speeder, pero foron subitamente atacados e o speeder quedou feito anacos. O golpe do impacto foi temendo, e só Reynolds quedou enteiro como para desenganchar dos cintos de seguridade a tódolos seus compañeiros. Os zeldaritas estaban mortos, debido sen dúbida á súa constitución inferior. A radio non funcionaba, pero entre o ruído que se escoitaba despois de informar á base de Darinak do ataque só puideron entender "Coi.. a..do...to..e..ta"... Sería "Coidado, tormenta"? Unha das terribles tormentas de ácido de Zeldaris? Habería que moverse con xeito. Recolleron as armas que puideron e viron ao lonxe unha serie de pequenas construcións cupuladas, algo parecido a unha granxa. A todo correr avanzaron cara alí. De camiño foron sorprendidos polo trebón ácido, e case sucumben ao cansazo e ás queimaduras, pero por sorte chegaron a tempo ao adro do que parecía, agora de cerca, un templo con choupanas cupuladas darredor. A choiva non era quen de caer onde eles estaban, xa que ese "templo" xeraba un campo de forza deflector. Alí deulles a benvida un mozo que dixo que ía chamar ao mestre. De alí a pouco apareceu Harlek Dofus, o mestre jedi de Potentium que Lucas e o seu propio mestre viñan a buscar.

Dofus mostrouse amable e comprensivo. Curounos a todos e alimentounos e conversou con eles animadamente,e con Lucas mesmo comentou os aspectos da Forza que el entendía coma importantes. Antes fora un jedi en Coruscant. Non parecía o perigoso herexe que o Consello Jedi pensaba. Lucas faloulle de que era padawan de Shergath H'aoul, e Dofus deu mostras que que o coñecía, pero que non gardaba bo recordo del.

Namentres pensaban un plan para voltar a Darinak, o templo foi atacado por soldados. Eran soldados estranos, non zeldaritas. Estes eran fortes e grandes, e estaban moi ben adestrados. Xunto con eles viñan Shergath H'aoul e Otter Rim. Atacando de xeito brutal, moitos dos alumnos de Dofus caeron loitando, mentres Latro, Reynolds e Juno se cubrían e devolvían o fogo dende unha das pequenas choupanas. Shergath e Rim foron directos ao Templo, e Lucas, oculto, entrou detrás deles. Lucas veu o que sería o derradeiro encontro entre Harlek Dofus e Shergath H'aoul. Despois de intercambiar unhas palabras que Lucas non chegou a entender de todo, comezaron a falar os sabres láser: o do mestre H'aoul era agora vermello. De detrás dunha columna, Otter Rim, tamén cun sabre láser vermello, aparecéuselle a Lucas... "Ola, compañeiro... ti e-la proba final para a miña traslación completa: prepárate a morrer". Lucas, co seu sabre azul, defendeuse coma puido dos ataques de Rim, máis experiementado, pero máis feble na Forza pola súa codicia e envexa: Lucas, sacando enerxías do seu interior, conseguíu desarmalo e matalo cun hábil movemento. Xusto nese intre, unha granada rebotada dende o exterior derrubaba parte do templo sobre H'aoul e Dofus. Namentres o primeiro quedaba sepultado entre os cascallos, Dofus, moribundo, chamaba a Lucas. Estaba aplastado de cintura para abaixo, e a piques de morrer... "Colle a miña espada, que nunca a teña H'aoul. E agora mátame". Lucas discutíu e tentou convencelo, pero os cascallos baixo os cales estaba o seu antigo mestre comezaron a moverse, e nun rápido e misericordioso movemento, matou a Dofus e colleu o seu sabre.

Namentres, fóra, Juno e Latro disparaban sen parar sobre os soldados, e Reynolds conseguía poñer en funcionamento un speeder. Montado nel tentou atropelar aos inimigos mentres disparaba sobre eles o seu bláster. Lucas conseguíu fuxir do edificio derruído e Reynolds xuntou ao grupo e fuxíu soportando os disparos dos "clones". Xusto cando fuxían, novas tropas (zeldaritas polo seu aspecto) entraban en escena.


O grupo, co seu speeder moi danado, víuse obrigado a deterse varios quilómetros dentro do deserto, á mercede do sempre letal clima de zeldaris.

Nenhum comentário: