16 de set. de 2007

Patrolstar Galaica 1x01

A viaxe fora curta e tan tranquila como pode ser nunha nave onde un mal ollar á persoa errada pode dar cos teus puños nunha pelexa e cos teus ósos no alxube. Dende a súa saída de Picon a velocidade de propulsión (o coronel non quería usa-lo MVL) pasara menos dunha semana. Para algúns fora todo un inferno. Agora, ante a base de investigación Antares todos respondían ás ordes. Antares era unha estación estática, construida nunha estela de asteroides que facían de base gravitacional e de canteira de minerais. A estela era dun material non moi diferente ao tilium, pero capaz de aportar un combustible máis potente ca este.

As ordes eran claras: o coronel Pireo ordeara saír a 6 vipers para cubri-lo trasvase de abastecemento, mentres 2 raptors se facían cargo do transporte. Primeiro iría un raptor con marines para tomar posicións na estación e comprobar que todo estaba en orde. Desa primeira oleada estaba ao mando o sarxento Webb, que "tomou" sen problemas a bahía de carga da Antares co seu raptor e os seus 9 marines. Logo os repartíu pola base ante a mirada curiosa dos científicos que se atopaban con eles. Logo de despexa-lo hangar, a Galaica envióu a Dice e a Iceman en sendos raptors con persoal de estibadores. No escuro espacio ao redor, os viper cubrían o transporte baixo mando do C.A.G. Steven Kalos.

Dice e Iceman, xa no hangar da Antares, ordearon aos estibadores que se puxeran ao traballo e supervisaron toda a operación. Mentres, Webb comprobaba toda a base cos seus marines.
Cando os estibadores remataron, Dice e Iceman asinaron os documentos de trasbordo e se dispuxeron a atopar ao responsable da base. Segundo o capitán Kalos, o responsable era un tal John Amarak, xefe de científicos da Antares. Despois de preguntar a un homiño con cara de tolo que atoparon nun dos pasillos, Dice e Iceman chegaron á cantina, onde o doutor Amarak tomaba un grolo con varios compañeiros. Alí tamén viron a un par de marines descansando e a outro que estaba na barra falando co camareiro.
Webb, na barra do bar, non víu entrar aos dous pilotos. Agora o que quería era tomar unha taza dalgo forte.
- Ambrosía -dixo.
- Aquí non temos diso, a non ser que a trouxeras ti -dixo o barman. Webb quedou mirando para el con cara de poucos amigos. Mellor deixalo así: deu volta e dirixíuse cara a porta.
- Tamén che podo poñer unha tila, heroe -dixo o barman con sorna.
Webb quedou clavado no sitio. Xirou sobre si e mirou de novo ao barman cun sorriso retorto. Deu un par de pasos e apoióu o subfusil na barra.
- Ben -dixo- tomarei un café.
Sacou un cúbic e o pousou na barra. O barman empurrouno de volta, cun aceno indicando "a esta convido eu". Foi entón cando, coa culata do subfusil, Webb lle deu un golpe no queixo ao barman, tumbándoo.
-Soldado! -berrou Iceman- firmes diante miña xa!
Iceman e Webb tiveron unha pequena charla, que rematou co piloto ordeando a 2 marines que detiveran e escoltaran ao seu sarxento a un dos raptors, e que logo o meteran no caldeiro de cabeza. Incluso nese raptor Webb tivo problemas os discutir cos seus propios compañeiros, e recibir un par de culatazos por falar mal do coronel Pireo, ao mando da Galaica.
Despois de entregar ao doutor Amarak a listaxe de material de abastecemento, Iceman e Dice voltaron nos raptors á Galaica coa misión cumprida.
Webb foi para o alxube, e os dous pilotos fixeron entrega de documentación ao segundo ao mando, o maior Kalgar.
As operacións de carga/descarga remataran, pero aínda faltaban algunhas horas para deixar á Antares cos seus asuntos. Na sala de recreo, Iceman e Dice pasaban o tempo... o primeiro botando un ollo a manuais de combate e a segunda pensando en xogos de cartas e apostas.

Namentres no CIC (Centro de Información de Combate) o coronel Pireo e o seu segundo, o maior Kalgar, abrían os ollos como pratos: o tenente Zeldar erguía a voz para comunicar un contacto DRaDis... un enorme obxecto acababa de aparecer de súpeto a poucos clicks de distancia. O aspecto xeral era o dun icosaedro, e daba lecturas moi raras no DRaDis. Pireo ordeou ao momento vípers fóra, e a condición 1 saltou en toda a nave. Tamén mandou preparar raptors para acudir ao rescate do persoal da Antares.

O CAG da Galaica, Steven Kalos, lideraba o grupo de 20 vípers. Entre eles estaban Dice e o seu home-ala, Iceman. Tamén chegou unha orde directa do oficial executico (OX) Kalgar de poñer en liberdade a David Webb e que encabezara unha icursión directa contra a Antares co gallo de rescatar a todos os civiles posibles.

O grupo de voo achegóuse á estrana pseudo-esfera. Os vípers mark II que pilotaban facían algunhas cousas raras, coma se sufriran interferencias dalgún tipo, pero nngún perdeu o control do seu víper. Foi entón cando a Galaica lanzou o aviso de "alerta radiolóxica": o estrano obxecto contiña bombas atómicas listas para detonar!
O CAG ordeou dispersión e, de súpeto, o icosaedro se desfixo no aire e do seu interior xurdiron máis de 50 sinais de incursores Cylon: a batalla por sobrevivir comezaba.
Xa na Antares co seu destacamento de marines, Webb separouse do grupo principal citándoos no bahía de carga en 10 minutos. Rexistrando parte da estación, enviou a varios científicos en direccións ao raptors de salvamento. Xa completando o percorrido que se asignara chegou a un despacho onde un home de pé miraba case chorando unha mensaxe de video no seu computador: era o doutor Amarak. O da mensaxe era o seu irmán, que entre berros de frustración lle dicía que Caprica estaba sendo arrasada polo cylon. Polo que dicía conseguira meterse dentro dunha nave de transporte, a Olympic Carrier, e que tentarían fuxir como puideran. Pero entre berros e choros tentaba explicar ao seu irmán que todo era debido a unha traizón: un tal Gaius Baltar estaba implicado e había que atoplao canto antes.
Webb agarrou ao doutor Amarak para sacalo daló mentres este suxeitaba unha copia da mensaxe e patalexaba coma un neno pequeno. En cuestión de minutos chegaron aos raptors de salvamento e de alí á Galaica, para ver coma os cylons a bombardeaban.

Os vípers facían o seu traballo cunha diferencia de case 1 a 3. Pero hai que entender que a Galaica é un lugar onde acaban todos os rebotados, os incomprendidos, os que non aceptan a cadea de mando polo que significa e todos aqueles de espírito indómito: o peor da Flota Colonial, é dicir, os xenios. Entre eses xenios estaba Sutton "Dice" Hoo e Samuel "Iceman" Kilmer, que fixeron estragos moi importantes entre os raiders cylon. En pouco tempo a vantaxe cylon quedou aplastada e a Galaica case non sufreu danos de consideración. Rescatados a maioría dos científicos, e vendo aparecer no DRaDis dúas naves base cylon ante as que a Galaica pouco podería facer, o coronel Pireo ordeou unha aterraxe de combate aos vípers, e un salto MVL a un lugar seguro.
Cinco baixas de pilotos, entre elas a do CAG Steven Kalos, tinxiron de negro un día que sería máis negro aínda na historia das 12 Colonias.
Webb, sen agardar ordes, deixou a Amarak no CIC e logo se meteu voluntariamente no alxube, onde estaba antes do ataque. Iceman e Dice deixaron as naves e agardaron ordes, que chegaron de seguido: reunión na Sala de Pilotos en menos de unha hora.
O maior Kalgar visitou a Webb na súa cela. Quería explicarlle a situación: había naves e poucos pilotos. Coñecía a historia de Webb polos informes e expedientes. Kalgar dáballe unha segunda oportunidade...poder voar de novo. Despois dun intre de reflexión, loitando con vellos demos, Webb aceptou. De sarxento de marines pasaría a alférez de voo.
A sala de pilotos era un ruxe-ruxe. Niguén entendía o do ataque... non había tregua cos cylon? Todo o mundo calou e se cadrou cando o coronel Pireo entrou na sala. Tras del entraba un novo piloto que sentou nas filas de atrás de todo. Iceman e Dice o recoñeceron: era o marine broncas da cantina do Antares... que pintaba aquí?

Pireo falou e todos atenderon: estabamos en guerra. O Almirante Nagala, na Battlestar Atlantia, estaba ao mando da Flota Colonial, e estaban contraatacando en varios frontes. Aínda así varias das Colonias se daban por perdidas, entre elas a correspondente por asignación á Galaica: Picon. A misión da Galaica era a de sempre: achegarse, observar, informar. E o farían tan ben coma sempre, cumplindo coa tarefas asignadas e dando exemplo. Moitos se miraron uns aos outros: a Galaica nunca fora así: era un niño de liortas e de problemas. Pero ao mirarse uns aos outros decatáronse de que Pireo falara coma tiña que falar: aquilo tiña que cambiar, había un inimigo diante nosa contra o que loitar, e de nada valería rifar ente nós.

Por último, Pireo tamén fixo público o ascenso da tenente Sutton "Dice" Hoo a capitán como novo CAG en substitución do falecido Kalos, e deu orde de estar listos para o combate en calquera intre.

15 de set. de 2007

BSG75 GALAICA: Orixe e Protagonistas

Hai varios meses Bishop, Jan máis eu conseguimos que o Mosqueteiro vira as tres estupendas tempadas da, na miña opinión, mellor serie de Ciencia-Ficción do momento: Battlestar Galáctica (a nova versión).
Tivemos unha tempada longa que tamén andabamos moi pendentes de facer unha pequena campaña do xogo da serie Firefly: Serenity. Conseguimos o xogo e botamos unha pequena partida, pero a verdade o sistema de xogo nos defraudou un chisco, e a falta de tempo e de iniciativa fixo que quedara de lado.
Logo veu a febre de Galáctica, e o Mosqueteiro e Bishop convencéronme aló por Marzo de montar unha campaña con esta ambientación. Sabedor de que o xogo oficial de Galáctica tería o mesmo sistema que o de Serenity decidín buscar alternativas. Ao primeiro pensei usar as reglas Interlock do xogo Cyberpunk, e incluso fixemos fichas e todo; pero logo penseino mellor e me botei a usar as reglas Gauss do xogo español sLAng. Reglas sinxelas para unha ambientación na que quería primar o diálogo e a acción rápida.

Agora, mentres agardamos a que Tona se una a nós de novo para seguir a crónica de Compostela Oculta, Jan, Mosqueteiro e Bishop son membros da tripulación da Patrolstar Galaica nunha mini-campaña que comezamos hai un par de semanas.

Esta campaña está centrada na época en que os Cylon voltan e conseguen derrotar ás 12 Colonias. Nun lugar distante, preto da liña vermella de tregua entre o espacio Colonial e o Cylon hai unha base de investigación chamada Antares. Esta base está desenvolvendo diferentes tipos de novos combustibles alén do tilium. A nave Patrolstar Galaica (as naves clase Patrolstar veñen sendo dun tamaño menor que a metade dunha Estrela de Combate clase Galáctica, cunha dotación menor tamén, deseñadas para rastrexo, patrulla e como punta de lanza... digamos que unha nave Patrolstar é a unha Battlestar o que un Raptor a un Víper) é unha nave antiga, con máis de 20 anos de servizo. Nos seus hangares tan só se ven Víper Mk. II antigos e outro material en desuso. A razón é ben sinxela: toda a merda vai a caer na Galaica.

Soldados indisciplinados, mandos incompetentes ou criminais que preferiron unha segunda oportunidade no exército antes que cumprir condena están nesta nave onde cada home e muller é un polvorín en potencia.
Nestes intres a Galaica vai camiño da base de investigación Antares para reabastecela con diverso material, por orde do alto mando da flota en Picon.
Nesta nave hai tres individuos singulares:

Tenente Sutton "Dice" Hoo, procedente de Picon. Tenente dura e excelente piloto de víper. Os seus problemas co xogo a meteron en líos e acabou na Galaica. Chegou hai pouco, e aínda se está a afacer. Tan só a visión dun víper fai que poida deixar as cartas durante un rato.

Tenente Samuel "Iceman" Kilmer, de Leonis. Ríxido e inflexible piloto, esixe sempre a observancia das leis militares e sempre está preparado para o combate. Os demais se preguntan qué pinta un tipo así na Galaica. Algo oculta.

Sarxento de Marines David Webb, de Caprica. Home rudo e sen miramentos, cun pasado que nada ten que ver co seu presente. Dise del que foi pirata en Sagittaron, ou que matou a un alto mando da flota Colonial... pero poucos saben da súa historia real, e de cómo afrontará o seu futuro.

Levan os tres pouco na nave, non saben ben en quen confiar e non se coñecen entre eles. Non saben case nada dos Cylon, e moito menos que poden ter aspecto humano, ou mesmo que que un Cylon de aspecto humano pode non saber que é un Cylon.

14 de set. de 2007

Londres, 1925: Comezos

A Campaña de Londres, 1925 é a primeira actividade do Clube e comeza en Xaneiro do 2007 con Jan de Delft, Bishop, Tona e o Mosqueteiro como xogadores principais, Amra o León como secundario (debido ao horario laboral só podía asistir de cando en vez) e comigo como Gardián dos Arcanos (é dicir, Máster). Contabamos con outro xogador, pero acabou descolgado. Foi unha pena.
A acción está situada, obviamente, en Londres. A época de xogo é a de entreguerras, cun Londres bastante deprimido pola crise e tentando ergue-la cabeza de novo. O centro inicial é o Museo Británico e a maioría dos protagonistas teñen residencia pola zona.

Os personaxes xogadores principais (correspondentes, por orde, a Bishop, Tona, O Mosqueteiro, Jan e Amra) son os seguintes:

Frank Wilcox III (Londres, 1892), un anticuario propietario dunha tenda xusto diante do Museo Británico, na Museum Street. Wilcox é un buscavidas. O seu medio cotián de vida é mercar pezas de contrabando a traballadores do Museo e logo vendelas a alto prezo. Aínda así as cousas non lle van moi ben que digamos, e todo se lle pon costa abaixo cun principio de tise que fai que teña moi mala saúde. A tenda, que herdou hai pouco do seu desaparecido pai, é pequena, con pranta e un pequeno soto que fai de almacén.

Rose Agatha (Londres 1890), vidente afincada en Russell Square. Leva tempo gañando a vida con prediccións e con videncias, sobre todo para xente rica que quere probar sorte coa moda dos médiums e espiritistas, pero ela sempre o tomou dun xeito moi amateur. A súa pretensión era demostrar aos seus amigos ricos que hai algo alén do noso entendemento que, aínda que non se poida explicar, si se pode comprender.

George Mason (Londres, 1890), mentalista, ilusionista, mago e experto en fantasmagoría. De famila ben posicionada na sociedade londinense, sempre se negou a levar a vida que para el tiñan planificada. Viaxou por toda Europa e adquiríu certa sona como Mago. Agora, tras anos de estar fóra da casa, volve ao fogar... aínda que cecáis tan só sexa de paso.

Phoebe Miles (Nova Delhi, 1890) británica de orixe indio. Nacida na India de pai inglés e nai de Calcuta. Sendo moi nena o seu pai retornou a Inglaterra e trouxo a súa familia, dándolle a Phoebe unha dura e ríxida educación británica en colexios privados, que remataría nun doutoramento en Arte Romano. Actualmente tenta demostrar a súa valía como restauradora no Museo Británico, loitando contra dous handicaps: ser india e ser muller.

James Abberline (Dublín, 1885), antigo membro de Scotland Yard, agora reubicado nunha sociedade secreta chamada "O Clube de Té do Xoves Noite". Esta sociedade encárgase de loitar contra toda ameaza coa que o Imperio Británico se teña que ver as caras. Home maduro, policía experto, Abberline loita máis por si mesmo que por uns ideais máis altos.

Establecemento

O Clube de Té do Xoves Noite nace en Xaneiro do 2007.
Despois dalgúns meses como responsables dunha asociación de rol (da que marchamos aló por Febreiro) que non nos deixaba tempo real para xogar a rol, Jan de Delft máis eu convocamos a certa xente co gallo de establecer un día á semana coma mínimo para poder quedar e practicar esta afección.
Foron convocadas 5 persoas das que ao final quedaron 4 como membros de pleno dereito: Amra o León, o Mosqueteiro, Bishop e Tona. Con Jan de Delft e comigo facemos 6 socios.
A Convocatoria era co gallo de comezar unha Campaña de A Chamada de Cthulhu, a primeira parte de cal rematou en Xuño do '07.

O Clube foise formando a medida que nos metiamos na historia de Londres, 1925. Xa daremos conta desta campaña (que segue en marcha), pero como detalle puntual comentar que existía certa sociedade, adicada á loita contra os seres dos Mitos, chamada Clube de Té do Xoves Noite. Deles extraemos o noso nome.
Establecimos que as partidas serían no Salón, todos os Xoves pola tarde, avisando só en caso de que non se poida acudir á cita.
Actualmente temos 4 Campañas en marcha: Londres, 1925, Compostela Oculta, BSG75 GALAICA e unha que temos que retomar de corte Postapocalíptico en Galicia.

Pouco a pouco seguiremos dando conta destas actividades.

13 de set. de 2007

Apertura

Queda aperturado este Clube, onde daremos conta das nosas opinións e pareceres en canto ás nosas afeccións.
Centrarémonos en grande medida nos xogos de Rol e nos de Mesa, sen esquecer os de ordenador. Por outro lado tamén comentaremos toda teima sobre literatura, cine, series, banda deseñada ou calquer tema que para o Clube teña certa interese.

Un saúdo.