22 de out. de 2007

Patrolstar Galaica 1x03

Aterraron no medio dunha cidade de Picon que non estaba demasiado danada, e que contiña índices moi baixos de radiación. Despois dunha pasada rasante elexiron unha rúa ampla, unha especie de avenida, para ocultar os vípers entre os edificios.

A avenida e os edificios darredor estaban bastante íntegros, pero podíase ver a destrucción do bombardeo en rúas anexas. Non había nin unha alma á vista.

Unha ollada inicial e descubriron un hospital e un centro comercial a poucos metros, coas estructuras case sen dano. Dice formou tres grupos, respectando a formación que xa tiveran cos vípers de líder e home-ala, e mandou a Iceman e Webb ao centro comercial, a Hustler e Peakman a un bloque de edificios ao outro lado da avenida fronte ao centro comercial, e ela e Dazzler irían cara o hospital, que estaba cruzando unha ruela, quedando á beira tamén deste centro.

Iceman, recto e marcial, era seguido por Webb de perto. O Centro Comercial estaba en grande desorde. Non era o típico desorde de saqueo, senon algo así como de xente fuxindo e tirando o que se topaban de fronte. Despois de rexistrar o piso de abaixo subiron as escaleiras mecánicas, inactivas, en dirección aos pisos superiores. Armados coas pistolas reglamentarias, movíanse facendo cadea cubríndose un ao outro... e nese intre Webb escoitou algo. No piso darriba había alguén. Por medio de sinais avisou ao seu superior, e se moveron paseniño en dirección a unha tenda de xoguetes, chea de muñecos de peluche. Unha vez dentro Webb volveu a demostrar que estaba algo oxidado, batendo contra unha estantería e tirando varios peluches. Foi entón cando algo xurdíu de entre as sombras. Iceman ergueu a pistola e apuntou, co dedo listo para abrir fogo... pero o seu branco resultou ser un neno duns 11 anos, armado cunha pistola. O neno estaba morto de medo, e a pistola que levaba resultou ser de fulminantes inofensivos. Webb e Iceman informaron a Dice, que estaba con Dazzler comprobando as radios dos vípers. Dice ordeoulles retroceder e volver á avenida. Que recolleran ao neno e o trouxeran á rúa que separaba o centro comercial do hospital, marcando como punto de encontro esa esquina. Dice, mirando cara o hospital, vira movemento. Non podía determinar a fonte (se humana ou cylon), pero alguén asomara por unha das fiestras do primeiro piso armado.
En cuestión dun par de minutos os catro pilotos e o neno camiñaban cubrindo ao pobre rapaz (que resultou ser un supervivinte, agora orfo, que viña de aguantar naquel centro comercial máis de un día el só) cara a esquina entre o centro comercial e o hospital.
Decidiron entrar no hospital, xa que Dice estaba convencida de que alí había alguén. Aínda así preferíu intentar entrar por unha entrada de servizo que había no lateral no edificio. Cando se achegaron á porta comezaron a recibir fogo de subfusil dende un dos pisos do centro comercial. Entraron a trompicón devolvendo os disparos, pero por desgraza Dazzler foi alcanzado. Tiraron por el para dentro do edificio para poñelo a cuberto e atrancaron a porta.
Dazzler tiña varios impactos e estaba inconsciente. Como puideron, Iceman e Webb o tumbaron nunha camilla e comezaron a tentar reanimalo. Dice correu tentando buscar algún supervivinte (quizáis o movemento que vira no piso superior eran médicos ou persoal sanitario refuxiado). Correu piso arriba e foi dar a un pasillo con ventás que daban ao centro comercial. De súpeto, unha ráfaga fixo que Dice se tirara corpo a terra. Dende o edificio de enfronte chovían balas. Dice víu que se trataba dun centurión cylon (igual era o mesmo que atacara a Dazzler). Tentou respostar aos disparos, pero alguén se lle adiantou: un mísil lanzado dende un bazuca saíu dende algures no hospital e impactou de cheo no cylon, que saltou en mil pedazos. Berros de xúbilo viñan dende o outro lado do pasillo. Dice chamou por axuda, e dous homes asomaron as cabezas por detrás dunha trincheira. Despois de intercambiar saúdos non moi cordiais, unha terceira persoa (unha muller morena de pelo liso e longo) apareceu dende detrás da trincheira. Dice pedía axuda para o seu home ferido, e esta muller identificouse como médico da Flota Colonial.

A muller dixo chamarse Sarah Klondike, e estaba co seu irmán Seth. Seth era alto, moi ben parecido, de pelo castaño e ben cortado. O que se diría un home moi guapo. O conxunto viña a estragarse por unha boa cicatriz que lle cruzaba a fazula esquerda. O terceiro home, un negro enorme de mirada retorta e pelo curto, presentouse como Claude Sanders. Baixaron os tres con Dice para tentar curar a Dazzler.

Iceman e Webb tentaban corta-las hemorraxias de Dazzler co que podían. O neno mirábaos abraiado. De súpeto apareceu Dice (xa moi ralaxada ao ver que o seu home-ala estaba vivo e que cecáis sairía de todo este lío conservando a súa gradación de capitana... o de CAG xa se vería). Pero non pasou nin un segundo cando Seth Klondike e Claude Sanders prepararon os seus subfusís e ametrallaron ao neno, que caeu destrozado contra a parede. Todo se detivo. O tempo, as miradas atónitas. Todo.

Todo agás Klondike e Sanders, que recargaron e se propuñan descargar outras 35 balas cada un sobre o rapaz xa morto. Webb, Icema e Dice sacaron as pistolas e apuntaron a Klondike e a Sanders, mentres estes facían o propio contra eles. Sarah comezou a berrar e tentar poñer calma no asunto. As armas estaban amarteladas, as miradas frías coma o xeo. "Era un cylon" dixo Sarah, "É o terceiro que vemos". Despois dunha breve aclaración Sarah se puxo a tentar curar a Dazzler.

Ao parecer agora os cylon tiñan (algúns) aspecto humano. Este "neno" era un modelo en parte humano, e os cylons os estaban a usar como balizas. Cando un grupo de refuxiados atopaba a un deses nenos o recollían para protexelo. Ás poucas horas eran localizados e atacados por un grupo de centurións cylon. Iceman e Dice, tensos pero confiando nestes tres refuxiados, centráronse en Dazzler e nas atencións médicas de Sarah. Webb non. Webb non só apuntou á cabeza de Seth Klondike por ter matado ao suposto "neno-cylon". Seth Klondike, alias "Paris". O seu antigo CAG. O mesmo que o mandara xunto co seu "home-ala" de sempre, o seu mellor amigo, a unha misión suicida e sen senso. O mesmo ao que desfigurara partíndolle a taza de Top-Gun na fazula esquerda. O mesmo bastardo.
Se se recoñeceron ningún dos dous fixo aceno algún. Nin falta que facía.

Hustler e Peakman entraron entón en contacto. Ao parecer atoparan a un mínimo grupo de supervivintes: un par de anciáns, tres adultos e un neno. "Un neno?", dixo Dice, "cómo é?". A descrición era exacta ao neno que, uns minutos antes, atoparan Webb e Iceman no centro comercial e que acababa de morrer ante eles. O seu primeiro impulso foi ordear que o mataran xa, pero recapacitou e ordeou que os escoltaran o máis rápido posible en dirección ao hospital.

Cando os viron chegar, Iceman, Dice e Webb os agardaban. Vendo que non había posibilidade de dúbida, Dice ordeou disparar, e os tres acribillaron ao neno. Aínda así Webb non acertou nin un só disparo: non podía, ou non quería, cargar con iso na súa conciencia. Meteron o corpo nunha bolsa de plástico e o puxeron á parte.

Galaica, oculta no campo de meteoritos, tamén entrou en contacto. Agardaran por eles, gracias ao deuses. O plan do coronel Pireo era enviar un ráptor a sacar aos refuxiados e aos feridos. O raptor saltaría a atmosfera, procedería a evaciar e logo saltaría de novo. Pireo non quería perder 6 vípers, así que ordearía un salto a atmosfera coa Galaica: os pilotos terían que facer unha aterraxe de emerxencia nas condicións máis arduas.

E así se fixo: McEnzie entrou co seu ráptor e sacou aos civiles, a Dazzler e á doutora Sarah Klondike. O víper de Dazzler o pilotaría o seu irmán, Paris.
Picon seguía sitiada polas naves base cylon, pero nada puideron facer ente a entrada directamente á atmosfera da Galaica, pillounos totalmente de sorpresa.



Os seis vípers surcaron os ceos en rumbo de aterraxe (ou de colisión, xa se vería) á Galaica. Esta, unha patrolstar de máis de 600 metros de longo, caía coma chumbo contra o chan. Tentar meterse nunha nave ardendo polo rozamento e que cae a toda velocidade contra o chan non é tarefa doada, pero falamos de pilotos expertos e coa sorte dos que teñen que sobrevivir por algún capricho dos deuses.

Aterraron todos con grandes dificultades, agás Peakman, que só gracias á intervención de todos os deuses de Kóbol puido aterrar intacto pero atónito e morto de medo: cando saíu do víper todos os especialistas da cuberta se botaron a el e o ergueron no lombo lanzándolle vítores e aturuxos de ledicia por non ter perdido a ningún home na misión e ter rescatado a 6 civís, a unha doutora da Flota Colonial e a un capitán e experto piloto de vípers. A verdade, a nova CAG cumplira á perfección coa misión.

Agora o importante era que o doutor Amarak examinara o corpo do neno que viñera no ráptor de McEnzie metido nunha bolsa de plástico...


8 de out. de 2007

Patrolstar Galaica 1x02

As ordes seguintes eran ir a investiga-la situación en Picon.

Webb, recén ascendido a alférez, pero cun víper ao seu cargo, era o "novato" da formación. Ao día seguinte do ataque Cylon, Webb tivo que trasladarse á zona de pilotos, que contaba cuns dormitorios comunais (liteiras) para todo o escuadrón. Tivo que poñerse a repasar notas e manuais de voo para refrescar unha memoria que cría xa perdida.
Iceman non llo puxo fácil, e fixo que se sentira incómodo dende o principio, apoiándose no seu cargo superior. Dice pasaba do tema. Agora que era CAG a sala de descanso dos pilotos era unha timba diaria. A súa afección, case ao mesmo nivel que pilotar vípers, eran as cartas e as apostas. Non o podía evitar. Pero aínda así, cando Webb entrou pola porta da sala de descanso co seu macuto e os manuais, a Dice cheiróulle a can. Perdendo a concentración mirou primeiro para Iceman, que estaba coas súas notas de voo e os seus asuntos, sempre tan recto e marcial (pero que non evitou botarlle unha dura e longa mirada a Webb); e logo mirou a Webb... un marine ascendido a alférez? Aquilo non era normal.
Deixando a partida de lado foi a se reunir co maior Kalgar para pedirlle información sobre Webb. E lla deu de sobras: o informe completo de David Webb, detallado. De como era o mellor piloto da Battlestar Troia... David Webb, tenente, alias "Aquiles"... de como o seu home-ala morreu por culpa dunha mala decisión do seu CAG, supostamente debida aos cíumes que sentía polo xeito de pilotar de Webb... de como Webb golpeóu a ese CAG (un tal Seth Klondike, alias "Paris").
Despois daquilo Webb foi degradado e trasladado de nave. Foi rebotando nunha espiral descendente até que só lle quedaron dúas opcións: a expulsión sen honra ou a Patrolstar Galaica.

Iceman o tomaba por outro lado: aquel tipo dáballe noxo... non tiña dereito a chegar alí e poñerse a pilotar coma se nada. Por iso foi a protestar a Kalgar, pero as súas queixas caeron en saco roto. O único que lle dixo o maior foi que estivera atento e que o vixiara. Pero era visto que era unha orde máis para calmar a Iceman que para vixiar a Webb.

Pola súa parte, Webb adicouse a unha posta a punto tanto do seu víper coma de si mesmo, despois de 2 anos sen pilotar. Coñeceu nos hangares ao xefe Proctor, encargado da reparación e mantemento das naves da Galaica. Tendo en conta que os dous non soportaban a Iceman, e que Webb tiña coñecementos técnicos sobre enxeñería, non tardaron en facer boas migas.

O sistema onde estaba Picon estaba arrodeado por un cinturón de gas e asteroides a varios clicks de distancia do planeta en si. As ordes de Pireo eran agocharse dentro dese cinturón, onde o DRaDis non os detectaría, sacar 6 vípers e 1 ráptor e poñelos rumbo a Picon a explorar, facer un informe e dar volta. Sinxelo.

Nos víper ían Dice con Dazzler de home-ala; por outro lado Iceman con Webb de home-ala, e por último Hustler e Peakman. A tenente McEnzie era a piloto no ráptor.

Co ráptor rastrexando co DRaDis a tope, os seis víper avanzaron cubríndoo cara o planeta. Nada, ningún contacto. Cando se achegaron viron a desfeita total: Picon estaba irrecoñecible, arrasado polo bombardeo atómico.
Foi entón cando 3 incursores cylon saíron da nada e comezaron un ataque que se saldou coa destrucción de dous deles, pero por un fallo de novato de Webb o terceiro conseguíu realizar un salto MVL e fuxir. Minutos despois dúas naves base cylon saltaban a órbita en Picon, e comezaban un ataque contra os víper e o ráptor. Sutton "Dice" Hoo tivo que enfrontarse a súa primeira decisión vital como CAG: ou tentaban atravesar o cerco das dúas naves base ou baixaban a órbita e se ocultaban no planeta. Tras unhas décimas de segundo que pareceron eóns a decisión foi tomada: McEnzie saltaría co ráptor cara a posición da Galaica para informar e os seis víper (sen dispositivo MVL) se ocultarían en Picon.

E que os deuses de Kóbol tiveran piedade deles.