3 de abr. de 2008

Patrolstar Galaica 1x05

Cylons con aspecto humano. Esa posibilidade era terrible de imaxinar.

A Galaica estaba en ruta a Ragnar cando de súpeto saltou o DRaDis: aí fóra había unha nave con transpondedor colonial.
Resultou ser a Battlestar Leviathan, moi danada por múltiples impactos, metida dentro dunha pequena nebulosa, que nin respostaba ás chamadas nin daba mostras de ter enerxía dabondo para se mover.
Dice, Webb e Iceman saíron nos vípers xunto con outros pilotos, entre eles Peakman e Hustler a botar unha ollada. Pireo mandou tamén un para de ráptors con marines para explorar a nave.

Unha vez dentro Dice e Milius (o capitán dos marines) discutiron sobre o plan a seguir: Dice pretendía chegar ao CIC, pero Milius non opinaba o mesmo, e se negou a aceptar as ordes da CAG. Deste xeito dividiron o grupo e os marines foron xunto con Milius e Webb, Iceman, Peakman e Dice foron pola súa conta. Durante toda a exploración da nave non atoparon nin un só cadáver.

Unha vez no CIC, Iceman comezou a analizar os ordenadores tentando atopar algún dato sobre o ocorrido. Namentres, Dice optou por ir ao camarote do comandante na procura do diario de bitácora. Webb iría con ela. Iceman quedou con Peakman no CIC, vendo que os ordenadores tiñan algún tipo de bloqueo interno, e comezou a traballar niso.
Avanzaron por varias cubertas até que o final escoitaron voces dentro dun almacén: eran homes vestidos coma paramilitares. Escoitanto descubriron que estes tres homes estaban a bloquear os ordenadores (un deles tiña un terminal) e que, ao parecer, eran piratas de Tauron. A Webb ardíanlle as veas... Héctor, o seu home-ala, morrera por culpa deles. Deles e de Seth "Paris" Klondike. Dice ordeou disparar e acabaron con eles sen problema.
Iceman obtivo acceso ao ordenador de abordo e comezou a baixar datos, entre os que atopou un sistema de xestión moi interesante, así como información sobre unha terrible batalla entre a Leviathan e unha nave base cylon, que case se resolve coa destrución mutua.
Ao cabo, Dice e Webb chegaron a un mamparo, o mamparo que daba á zona da enfermería, Soporte Vital e a Control de Danos. Era a zona máis segura e valía como bastión se a nave se perdía e era invadida.
Webb e Dice escoitaron ruido tras do mamparo, e petaron nel usando un código militar: "Iso dicimos todos". Do outro lado respostaron, e abriron o mamparo: xente armada, civís na maioría, apuntaban aos dous pilotos. Falando con eles descubriron que a nave fora recollendo civís de naves sen FTL, e que logo fora atacada polos cylon, perecendo a meirande parte da tripulación. Para máis inri unha pequena flota pirata caera sobor deles e tiveran que acantonarse para sobrevivir. Superon logo que os piratas tiñan unha nave nun dos hangares, e Dice comunicoullo así a Milius, que rapidamente atacou e acabou con eles. A Leviathan foi desaloxada e canibalizada: o xefe Proctor encargouse de extraer e instalar na Galaica a antea da estrela de combate, así coma o FTL e demais material útil que, por desgraza, a inutilizada Leviathan xa non pecisaba.

Estaba partindo a última remesa de civís e rematándose a extracción de material cando a nave base coa que loitara a Leviathan, moi tocada e con graves danos, xurdeu da nebulosa. A fume de carozo os pilotos despegaron e Dice, como CAG, desplegounos a todos: a metade defenderían a estructura a Leviathan e da Galaica... o resto, ao ataque.

Dúcias de raiders e varios mísiles viñan de fronte a por eles.

Nenhum comentário: